O Valadouro, 3 de febreiro de 2015. A Asemblea Local do BNG en Alfoz-Valadouro lamentou o “espectáculo pouco produtivo” ofrecido polo grupo de goberno no debate sobre a moción presentada na que se demandaban fondos económicos e prazos de execución para executar as obras necesarias para dotar aos dous concellos do Val dunha canceira. Á vista das declaracións do alcalde e mesmo o voto negativo dun dos concelleiros do PSOE no grupo de goberno, o grupo municipal encabezado polo Alcalde, Edmundo Maseda, perdeu os nervios e non soubo asumir a súa situación en minoría dentro da corporación rememorando as formas e a falta de diálogo do anterior alcalde do PP.
Para a formación nacionalista no Valadouro, o alcalde e o seu grupo de goberno non souberon converter a moción presentada polo BNG que traía o aval de mais de 400 sinaturas para dotar de financiamento e prazos de execución dunha canceira, nun argumento para aprobala sen debate, mais ben ao contrario, pareceu que a moción e as 400 sinaturas molestase ao alcalde ate o punto de que un dos seus concelleiros chegou a votar en contra.
As declaracións ofrecidas polo alcalde nun medio de comunicación sobre a moción do BNG, cuestionando a súa presentación despois de ter votado en contra dos orzamentos municipais “son inconsecuentes e pouco reflexivas; sabe o alcalde e o seu grupo de goberno formado por PSOE e UDIVAL cales foron as condicións para apoiar a súa investidura e para aprobar os orzamentos de 2014 polo tanto saberá tamén cantas desas condicións incumpriron”.
Na mesma liña, a formación nacionalista advertiu á alcaldía que debe cumprir os compromisos adquiridos coa Asociación Protectora de Animais Valadouro-Alfoz; o labor do BNG foi darlle traslado institucional á demanda da protectora.
Do mesmo xeito, lémbralle unha vez máis ao goberno local que apenas se cumpriron as promesas realizadas á veciñanza das parroquias nas asembleas para a confección de orzamentos participativos, proxecto pioneiro levado a cabo a instancias do BNG.