A choiva e o vento impediron que a Praza do Convento de Meira se convertera por un par de horas no taboleiro de xogo para a disputa da VII xornada la Liga Regular de Billarda, polo que a serpe multicolor da LNB tivo que buscar abeiro no pavillón de deportes.
Contra as 15.30 horas, os máis de medio cento de palanadores comezaron a lanzar ó ar as súas billardas cara o varal. Na primeira carreira da tarde quedou patente que era xornada propicia para os varados xa que Cortón (de O Cadaval) abriu o camiño e fixo o primeiro; logo, aínda que o tentou, non puido repetir sorte, pero outros si o fixeron destacando Markytos con tres e Lois Pirucha con dous. En total foron dezaseis os tiros directos acadados, a segunda mellor marca da tempada.
O bo comezo dos palanadores de “O Cadaval” e algún tropezo dos seus rivais máis directos, os Billardeiros Musicais, fixeron imaxinarse os primeiros que era o momento de vengarse da aldraxe sufrida en cancha propia na derradeira xornada. Pero a deusa fortuna, as fadas ou as meigas, achegáronse ós mariñáns e trocaron a sorte duns e outros, de tal xeito que no ecuador da xornada as augas voltaban ó rego e igualábanse as puntuacións que finalmente caeron do lado dos músicos Billardeiros que voltaron a gañar como equipo, aínda que só pola pequena marxe de dous puntos.
No tocante, ós enfrontamentos individuais, a pista rápida acostuma a dar algún que outro susto, e no pavillón de Meira non podía ser doutro xeito. Mais dun dos favoritos quedou aparcado na cuneta produto dalgún tropezo inesperado ou do acerto dos rivais, chegando invitos ó final da xornada e, polo tanto, donos do podio tres palanadores. Entre eles xogáronse en tres carreiras o caixón ó que terían que subir. Dous veteráns moi acostumados ós laureis e un novato con gañas de acomodarse entre os mellores: Santi de “Carabullo de Teixo” que finalmente foi o primeiro gañando as tres roldas de desempate, Markytos de “Billardeiros Musicais” que foi segundo e Iván de “Pena Verde”, o terceiro.
Iván acadou un merecido premio ó bo facer e, quen sabe se foron os nervos e a inexperiencia de medirse con dúas estrelas, os que lle impediron subir algún escalón máis. Un palanador a ter en conta daquí en diante.
Tamén subliñar ás palanadoras Geni, Geles e Sara. A primeira é xa veterana na competición. Temible rival para calquera, home ou muller. Domina tódalas superficies e ten gañado xa máis dun aberto. As outras dúas son primeirizas na competición, pero deselvólvense moi ben e xornada a xornada mantéñense nos primeiros postos. As tres, e por esa mesma orde, comandan a xeral en donas.
Lola Eiras e César, máis coñecido por Cascarillas, anfitrións do Aberto ós que se xuntou Flores pola LNB, fixeron entrega dos agasallos correspondentes, que facendo honra ás datas do Antroido que se achegan, consistiron nun lacón, cachola, costela, chourizos, grelos e patacas para os tres primeiros e para o equipo da xornada. Que aproveite o cocido! E ata a xornada de Mondoñedo.
As clasificacións logo da sétima xornada quedan así:
Individual: Markytos 64 p., Daniel 60 p., Kiko 53 p., Franco e Pepe Outeiro 50 p.
Equipos: Billardeiros Musicais 238 p., O Cadaval 221 p., e Carabullo de Teixo 182 p.
Varados: Markytos 12, Charli e Daniel 5, Santi e Tonecho 3.