A Mariña, 18 de marzo de 2015. A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña cualificou de “vergoñenta e indignante a visita do presidente Feijoo ao Hospital da Costa onde perdeu a oportunidade coa súa entrada pola porta de atrás do Hospital da Costa, de escoitar as demandas de profesionais e sociedade. O colectivo pide menos oportunismo e propaganda electoral e mais atención ao sentir da sociedade para darlle a volta as políticas de recorte no gasto sanitario público, menos privatizacións, e cambios no modelo de xestión para que a comarca deixe de ser dirixida desde Lugo por xestores que consideran o Hospital da Costa e os seus centros de saúde asociados, como un problema e non como unha necesidade para as mais de 70.000 persoas que vivimos nesta comarca.
Desde a Plataforma “fan un chamamento a participar este xoves ás 20.00 horas na mobilización convocada diante do Hospital da Costa porque lonxe de mellorar as cousas, Feijoo veu á Mariña cunha nova promesa en pleno período electoral que non permite ningunha esperanza para a ampliación real do centro sanitario mariñao, tendo en conta o escaso orzamento previsto neste 2015”.
A realidade, segundo a Plataforma, “é que na comarca seguimos perdendo persoal sanitario e non sanitario nos centros de saúde, cada vez mais poboación da comarca está obrigada a desprazarse para probas e intervencións que antes se facían na comarca, e proxectos estrela como a Hospitalización a Domicilio son un auténtico fracaso por falta de medios para o seu desenvolvemento”.
O colectivo afirma que non é casual que Feijoo veña á comarca no día antes da convocatoria dunha manifestación na defensa da sanidade pública, “o intento de desmobilización tivo un efecto contrario porque pero o que estaba previsto como unha visita triunfal converteuse nunha nun acto ás agachadas entrando pola porta de atrás do Hospital e rodeado unicamente de alcaldes e dirixentes do seu partido que lle fan a onda traizoando os intereses da poboación”.
“Que alcaldes e alcaldesas como o de Cervo, Burela ou Xove sigan aplaudindo a xestión do presidente mentres a política executada por Feijoo e Rocío Mosquera eliminan prazas de facultativos nos centros de saúde das súas localidade, di moi pouco da súa representatividade social”.
Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña.