Bruxelas, 19 Marzal 2015. Como denunciamos tamén este mércores dende Frankfurt nas mobilizacións contra a insultantemente ostentosa nova sede do Banco Central Europeo (BCE), as institucións que integran a denomidada “Troika”, baixo a desculpa da crise, están a “regatear cos nosos dereitos impoñendo a destrución dos nosos servizos públicos”, criticou hoxe a deputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) dende Bruxelas.
“Os recortes e as políticas de desmantelamento e privatización da Sanidade Pública matan persoas, iso temos que telo claro”, aseverou a eurodeputada galega, “son unha consecuencia máis das imposicións depredadoras da Troika, ben apoiada por partidos como o PP e o PSOE, que non dubidaron en pactar a reforma do Artigo 135 da Constitución para priorizar o pago da débeda nos orzamentos xerais do Estado, antepoñéndoa aos propios dereitos humanos da súa poboación”.
Probas médicas que se demoran durante meses, imposibilidade de pagar os medicamentos, falta de material e persoal nos hospitais, camas nos corredores de urxencias, aceleramento das altas médicas para reducir o gasto de coidar as persoas doentes, peche de hospitais… “estas son as consecuencias de estarmos sometidas a políticas que entenden a saúde non como un dereito, senón como un negocio, e non o podemos permitir”, evidenciou Senra.
Dende Alternativa Galega de Esquerda en Europa denunciamos “a estratexia de deterioro da Sanidade Pública ca que a Xunta de Galicia pretende empurrarnos á sanidade privada e converter a saúde no privilexio duns poucos”, estratexia reflectida no recorte de orzamento sanitario do 12,3% -460millóns de euros- imposto polo Goberno galego dende o ano 2009, o cal supuxo a perda de 2.094 postos de traballadoras/es sanitarias/os, ao tempo que dende a Xunta non se dubidou en destinar un escandaloso 48,8% dos fondos ao sector privado e tan só un 7,1% aos centros públicos.
Polo tanto, AGEe apoiará as concentracións e manifestacións convocadas para hoxe pola plataforma SOS Sanidade Pública en oito vilas e cidades galegas baixo os lemas “Os recortes matan” e “Non ao negocio coa saúde”.
Aliás, sinalou Senra, “queremos trasladar moi especialmente a nosa fonda solidariedade e recoñecemento á loita das catro traballadoras e traballadores de Povisa en folga de fame dende o pasado martes día 10 en protesta polos 13 despedimentos aprobados pola dirección do hospital”, así como salientar “a nosa total repulsa polas deleznabeis estratexias de coacción cas que a Xerencia de Povisa está a atacar a estas profesionais da sanidade que están a exercer o seu lexítimo dereito á folga”.
Ao fío das preguntas parlamentarias rexistrada pola eurodeputada de AGEe ao respeito de temas como as dificultades para o pagamento de medicamentos, o acceso restrinxido a medicamentos para enfermos de hepatite ou o recorte de dereitos sociais a través da estratexia de “austeridade económica”, Lídia Senra continuará denunciando no Parlamento Europeo as consecuencias que os recortes nun ámbito fundamental para calquera persoa como é o da saúde están a ter para o noso país. “Cando recortan en Sanidade, estannos atacando directamente”, sentenciou.