Riotorto, 6 de marzo de 2015. A asemblea local do Bloque Nacionalista Galego de Riotorto decidiu que o actual alcalde, Federico Gutiérrez Estoa, encabezará de novo a candidatura do BNG para as vindeiras eleccións municipais.
Federico Gutiérrez Estoa, natural de Riotorto, éarquitecto técnicoe ten 50 anos de idade. É concelleiro na corporación municipal de Riotorto dende o ano 1999. Ata o 2007 foi o voceiro do BNG na oposición e dende o ano 2007 ata a actualidade está na Alcaldía. No primeiro mandato foi o máximo responsable dun goberno tripartito formadopor concelleiros do Bloque, de Terra Galega e do PSOE. E no actual mandato o BNG goberna co PSOE en Riotorto.Ademais Federico Gutiérrez é membro do Consello Nacional e da executiva comarcal do BNG.
A afiliación do Bloque Nacionalista Galego considerou que é momento de darlle máis forza as políticas que guiaron a acción de goberno no noso Concello, máis forza a unha xestión útil, eficaz e transparente, máis forza ás políticas de cambio en beneficio das maiorías sociais iniciadas hai oito anos e máis forza ao Concello de Riotorto que non escapa á vaga que pretende deixar sen servizos aos concellos do rural.
Os nacionalistas entenden que é momento de validar unha xestión de goberno que entregou o poder aos veciños, que demostrou que o Axuntamento é un servizo público e non un negocio, que mudou o favor polos dereitos, que estableceu a mesma vara de medir para todos, isto é, que entende a as persoas como cidadáns.
O BNG analiza que vivimos tempos nos que a crise é utilizada como coartada para privar de dereitos básicos as persoas é aos Concellos do rural. Nestes tempos Riotorto foi bandeira na defensa dos mesmos xeralizando aqueles de competencia local pero tamén obrigándolle a Xunta a non desmantelar aos de competencia autonómica mesmo en casos nos que a decisión estaba executada como na sanidade.
O resultado das eleccións municipais vai determinar que Riotorto volva ao pasado ou siga a construír futuro, que os veciños do Concello poidan disfrutar dos servizos básicos ou que estes llos rouben en beneficio do negocio e por suposto que Riotorto exista como entidade diferenciada ou remate por desaparecer pola falta de servizos.
A nosa posición non deixa dúbidas, está avalada pola nosa práctica destes anos e para darlle continuidade nos presentamos.