Santiago, 18 de marzo de 2015.- O Grupo Popular defendeu hoxe no Parlamento reclamar ao Goberno central a continuidade do compromiso de obter cota adicional para a anchoa mediante a cesión de cota doutros países como Portugal e habilitar unha disposición de aproximadamente 250 toneladas desta especie en previsión de que o recurso poida estar presente e poida ser capturada nos caladoiros ao sur de Fisterra.
O deputado popular Gonzalo Trenor recoñeceu que “a anchoa é unha especie que non sempre pode atoparse en augas de Galicia, porén hai momentos nos que poden aparecer grandes cantidades sen que exista a posibilidade de previsión”. “Por este motivo, o ideal é que cando isto suceda a flota galega que se atopa sen cota poida recibir cesións, algo ao que o Goberno central xa se comprometeu coa disposición de 250 toneladas para aproveitar esas irrupcións por sorpresa no noso caladoiro”, engadiu.
DEMANDA DO SECTOR
Gonzalo Trenor manifestou que a proposta do Grupo Popular recolle o que o propio sector está demandando: reclamar ao Goberno central a continuidade do compromiso de obter cota adicional para a anchoa mediante a cesión de cota doutros países como Portugal e, ao mesmo tempo, habilitar unha disposición aproximada de 250 toneladas desta especie en previsión de que o recurso poida estar presente e poida ser capturado nos caladoiros ao sur de Fisterra.
Así mesmo, o deputado popular demandou explicacións ao BNG “polas protestas realizadas o pasado verán polo eurodeputado de Bildu nun momento no que a flota galega estaba pescando gran cantidade de anchoa na zona 8c. “E sabe vostede quen é a asesora deste eurodeputado de Bildu? Pois unha dirixente do BNG, a señora Ana Miranda.”, explicou.