Foz, 21 de abril de 2015.- Este venres día 24 de abril, ás seis e media da tarde, estará na Librería Bahía de Foz a ilustradora Minia Regos que impartirá un obradoiro de ilustración para nenos e nenas de 6 anos en diante.
Esta actividade servirá de inauguración dunha exposición dos orixinais da súa obra Tac, Tac, Tac, Plof –álbum ilustrado editado pola editorial Narval- que se poderá visitar na Librería Bahía dende o venres día 24 ata mediados do mes de maio.
Minia Regos naceu en Pontevedra e cursou Belas Artes na Universidade de Vigo. Ilustrou, ademáis do álbum que poderemos ver na Librería Bahía, outros libros de éxito como Casas de Paula Carballeira ou Kafka e a boneca viaxeira de Jordi Serra i Fabra.
Con esta actividade, a Librería Bahía quere celebrar o día do libro e sumarse á festa da Arte que supón a Semana das Artes da Mariña xuntando artes plásticas e libros na mesma celebración.