Burela, 27 de abril de 2015.- A base do Burela FS Pescados Rubén volverá ser fiel a unha das súas tradicionais citas estivais, o Memorial de Fútbol Sala Base Memorial Rodrigo Maseda Lozano 2015 (3, 4 e 5 de xullo), que organiza a Fundación Imdecum. A escola laranxa xa formalizou a inscrición de dez equipos, entre prebenxamín e xuvenil, para a referencia deportiva do verán da Mariña.
En 2014, o club burelista alzouse co trofeo de campión na categoría Xuvenil, nun evento que reuniu arredor de 400 deportistas, coa participación de equipos de Asturias, Valladolid, Madrid, A Coruña, Ourense e, por suposto de Lugo e A Mariña.
Na cuarta edición desta emotiva competición, que honra a memoria do policía burelao falecido en 2012 na praia coruñesa do Orzán durante un rescate, a bisbarra acollerá a ilusión futbolística das categorías benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil, ás que se suman este ano como novidade os máis pequenos, os prebenxamíns. O pavillón municipal de Xove, A Veiga (San Cibrao), Marzán (Foz) e Monte Castelo e Vista Alegre (Burela) acollerán a competición, coa incorporación do municipal de Viveiro.
Coincidindo co grande ambiente da Festa Castrexa en Burela, os rapaces/as tamén poderán gozar dunha programación lúdico-deportiva complementaria, con inchables, e visitas guiadas ao barco-museo Reina del Carmen de Burela e o Museo do Mar de San Cibrao, ademais de ter a posibilidade de usar as instalacións de Activity Center e do complexo deportivo da Marosa, na vila burelense.