A Mariña estreará a Copa Prebenxamín de Fútbol Sala a partir desta fin de semana como continuidade da Liga 2014-15 organizada pola Fundación Imdecum, na que veñen de proclamarse campións AD Santiago de Foz e Maderas Barcia Lourenzá, en Prebenxamín 1 e 2 respectivamente.
En Prebenxamín 1, os focegos enfrontaranse con AD Praia de Covas, ACD Xove, ED Burela FS e EDM Barreiros, e en Prebenxamín 2 os laurentinos mediranse a ACD Xove, Cidade de Viveiro, AD Santiago de Foz e ED Burela FS. A competición abranguerá 5 xornadas en liga, a única volta; a fase final será o 30-31 de maio, en Vista Alegre.
A Fundación Impulso ao Deporte, Cultura e Turismo na Mariña apostou en 2013-14 pola organización ligueira de fútbol sala nas categorías máis pequenas para cubrir un baleiro que ata daquela existía na bisbarra. Nesta segunda tempada, a liga repetiu no panorama deportivo mariñán, dende novembro de 2014. Prebenxamín 1 estivo composta por AD Santiago de Foz, ACD Xove, AD Praia de Covas, ED Burela FS, ED Barreiros e Ribadeo FS cun total de dez xornadas. Prebenxamín 2 contou coa representación de AD Santiago de Foz, ACD Xove, AD Praia de Covas, ED Burela FS, Escolas Celeiro SD Xove, Maderas Barcia Lourenzá e CFS Cidade de Viveiro, con 14 xornadas.