Érase unha vez unha galaxia, a galaxia Leo T formada por planetas, estrelas e Martes. Martes é un ser espacial que vive entre a lúa e as estrelas. Gústalle xogar con elas e nunca, nunca se separa. Martes tenlle medo ao lobo, aos monstros, aos tronos, aos peidos, etc. Martes tenlle medo a todo por iso nunca saíu da lúa, durme no seu regazo e sácalle brillo para non quedar a escuras. Martes naceu un martes de lúa chea. Algúns din que é fillo da lúa, pero iso non o sabemos. Martes ten un amigo “Pin”, co que xoga sen parar. Un día un monstro come as súas estrelas e a Pin, o seu amigo. Martes terá que enfrontarse ao seu propio medo para poder salvar ao seu amigo e as súas estrelas e para iso inicia unha viaxe, máis aló do sol, de camiño coñecerá divertidos e estraños personaxes: Fugaz, un insecto voador que fai po de estrelas, Casiopea, unha tartaruga que viaxa cos meteoritos e Vermi, un verme espacial que fala nunha linguaxe peculiar. Este espectáculo de monicreques, dirixido por Andrea Bayer e recomendado para nenos e nenas de 2-7 anos, chega a Viveiro da man de Baobab Teatro o sábado 28 de abril a partir das 18.00 horas. Ademais da directora, participarán no espectáculo de 45 minutos de duración Óscar Ferreira e Xurxo Cortázar.
