Burela, 20 de abril de 2015.- Este domingo tivo lugar a presentación da candidatura do BNG-Asembleas Abertas ás eleccións municipais de maio no Concello de Burela.
A candidatura é froito do intenso traballo realizado nos últimos meses polo BNG local, onde destacan a aposta pola renovación, a incorporación de persoas independentes e a presenza de mulleres e homes implicados en distintos ámbitos da sociedade burelá. Trátase en definitiva, dunha candidatura conformada por xente comprometida, co obxectivo principal de pór o Concello ao servizo dos veciños e veciñas. O traballo, a honestidade e a ilusión avalan a esta candidatura que encabeza o actual portavoz municipal do BNG Mario Pillado.
Democratización, transparencia e un Concello ao servizo dos burelaos e burelás, as principais prioridades do BNG-AA
O BNG-AA preséntase a esta cita en Burela coa vontade de pór o Concello ao servizo dos veciños e veciñas e para rachar dunha vez cos catro anos de escuridade e apagón que supuxeron as políticas do PP para Burela. Na presentación da candidatura, o cabeza de lista Mario Pillado, dixo que “é a hora de mudar as políticas regresivas do PP e recuperar o Concello para o conxunto dos burelaos e burelás”. Pillado avogou na súa intervención “por un Concello transparente ao servizo da veciñanza, por revertir a política impositiva do PP e por uns servizos básicos eficientes e de calidade, centrados na xente e non nos beneficios económicos das empresas concesionarias, en alusión directa á xestión da auga e do lixo en Burela”.
Entre as propostas que onte avanzou o BNG-AA, está a posta en marcha dun plan de emprego municipal para minimizar a situación precaria pola que están a pasar moitas persoas na actualidade, especialmente a xuventude. A posta en valor das potencialidades de Burela será outro dos eixos de actuación do BNG-AA, con especial atención ao sector pesqueiro e ao comercio local. O patrimonio, o medio ambiente, a calidade de vida e unha Burela para as persoas serán centrais nas prioridades do BNG-AA.
Mario Pillado encabeza a candidatura do BNG-AA ás eleccións municipais do 24M no Concello de Burela
Mario Pillado Mon conta con 30 anos de idade será o cabeza de lista polo BNG-AA. Pillado está moi vencellado ao deporte de base, sendo na actualidade adestrador das categorías inferiores de fútbol sala en Burela. Licenciado en Enxeñaría Química pola Universidade de Santiago de Compostela, traballou como técnico de eficiencia enerxética para a fábrica de xeo da Confraría de Burela e é desde 2013 portavoz municipal do BNG no Concello de Burela.
Como número 2 da candidatura, Dorotea González Fraga, moi relacionada co mundo asociativo e o comercio local, así como coa organización de distintos eventos e actividades que se desenvolven en Burela ao longo do ano. Ana Amat Casariego será a candidata número 3. Auxiliar de farmacia e parte activa da Plataforma Sanitaria da Mariña en favor dunha sanidade pública e de calidade, ten participado activamente nas mobilizacións sociais en favor do Hospital da Costa. Como número 4, Roberto Bouza Orosa, profesor na Escola de Música e director da Banda, participa activamente do movemento asociativo en Burela. Silvino Oroza Cordido é o candidato número 5. Este empregado do comercio local está moi vencellado co tecido asociativo relacionado coa asistencia ás persoas con discapacidade e tamén é un colaborador activo na organización de distintos eventos en Burela.
Completan a lista do BNG-AA, Rosa Ana Posada Expósito, Héctor Manasé Eijo, Albano González Cancio, Paula Jorge Horta, Senín Díaz Mon, Dores López Costa, Adolfo Corral Calviño, Xosé Mon Otero. Como suplentes María Belén Quintela Yáñez, Iago Oroza Oroza, Xulio Canto Canto e Leticia Maseda Fernández.