O BNG de Xove vén de pedir unha certificación á secretaría do Concello verbo das mocións, rogos e preguntas presentadas polos grupos municipais ao longo da presente lexislatura, coa finalidade de dar a coñecer de maneira pública o intenso traballo desenvolvido polo Grupo Municipal Nacionalista (con dous concelleiros) en comparación co Grupo Municipal do PP (oito concelleiros) e o do PSOE (un concelleiro).
G.M. Partido Popular
Mocións:5
Rogos: 0
Preguntas: 0
G.M. BNG
Mocións: 16
Rogos: 8
Preguntas: 37
G.M. PSdeG-PSOE
Mocións: 0
Rogos: 0
Preguntas: 0
As propostas do BNG, entre moitas outras iniciativas, defendidas tanto por Marco López como por Xosé Hermida -segundo o tipo de proxecto que se pretendía debater no pleno- van “dende a proposta de creación do conxunto etnográfico baleeiro de Morás até a aprobación por unanimidade da moción para o control da herba da Pampa, pasando pola iniciativa de sinalizar a parada de taxis e retirar a cabina telefónica obsoleta que estaba situada fronte ao Hotel Mera ata instar á mellora do acceso á escola municipal de música ou a preceptiva fiscalización da acción de goberno nalgúns feitos destacados como, por exemplo, na esixencia de responsabilidades políticas tras o cobro de dietas desde a alcaldía pola asistencia do primeiro edil á manifestación dos traballadores de Alcoa na Coruña”.
“Tal e como se inclúe no editorial do no noso boletín O Aguillón que se enviará aos preto de 1.200 domicilios do noso concello a vindeira semana, ninguén dubidará que somos a día de hoxe a única alternativa crible e real á parálise do Partido Popular no noso municipio, con mocións e opinións críticas e fundadas en todos os debates plenarios froito dun traballo exhaustivo. Unha alternativa seria e dialogante, a nosa, que non se parapeta en posicións pechadas nin en solucións milagreiras que funcionan á perfección nos platós televisivos”, asegura Marco López.
O goberno local “da mostras sobradas de cansanzo e apatía. Lonxe lles quedan certas promesas electorais feitas nos tempos do AVEXO e moitos ambiciosos proxectos dos que non se volveu saber nada a pesares de ser Xove un xardín financeiro. O noso concello continuou nestes anos perdendo poboación e foi incapaz de converterse na Mariña en centro e referencia de nada, nen culturalmente, nen deportivamente, nen na creación de emprego, e iso xogando cunha vantaxe decisiva sobre o resto dos municipios circundantes nestes tempos de crise económica. Diante desta realidade dun Partido Popular en caída libre e aprobando medidas que antentan contra os dereitos máis elementais da xente case a diario, asistimos a unha ausencia de ideas no PP local que non consegue mellorar de xeito xeral o concello e moito menos maquillar unha acción gobernativa completamente paralizada e anquilosada no peor dos populismos”, conclúe.