Ribadeo, 10 de abril de 2015. O Consello Municipal das Mulleres pechou este xoves a súa terceira lexislatura cun balance positivo e prepárase para abrir unha nova etapa. A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, tivo palabras de agradecemento para as integrantes do CMM polo traballo e dedicación ao longo destes catro anos.
O Consello Municipal das Mulleres reuniuse por última vez nesta a súa terceira lexislatura este xoves ás 20.00 horas no salón de plenos do Concello de Ribadeo. O CMM ten que disolverse e volver a constituírse cada vez que hai eleccións municipais. Está integrado por mulleres representantes das asociacións veciñais,asociacións culturais, asociacións de mulleres e feministas, sectoriais (ámbito educativo, sanitario, social…), partidos políticos, sindicatos, técnicas de emprego e igualdade e está presidido pola Concelleira de Igualdade.
Mariluz Álvarez Lastra sinala que “co consello promóvose a participación activa das mulleres na vida política e social da vila. Ademais, transmítense e vehiculízanse as propostas que xurdan en calquera ámbito relacionadas coa problemática da igualdade de xénero. É un espazo propio onde as mulleres poden opinar sobre aquelas decisións municipais que lles van afectar”.
Nesta última reunión trasladouse ás mulleres que forman parte do CMM a información sobre as actividades realizadas dende a Concellaría de Igualdade a través do seu Centro de Información á Muller, durante este primeiro cuadrimestre do 2015. Tamén se valoraron as distintas actividades programadas para a celebración do 8 de marzo de 2015 e rematouse presentando a programación para os vindeiros meses dos Foros Permanentes para Mulleres así coma outras actividades a desenrolar. Por parte das representantes do CMM fixéronse distintas propostas de novas actividades.
A concelleira de Igualdade lembra que “cando se impulsou este órgano queríamos promover a participación das mulleres nas decisións políticas municipais no referente ás políticas de igualdade de xénero e acadar unha representación dos sectores implicados, e do maior número de vogais das parroquias do Concello. Si ben, isto, se consolidou, esperamos durante esta lexislatura ter feito un Consello dinámico e activo. Queremos, que sexan as propias mulleres do Consello as que impulsen actividades, as que propoñan, as que debatan, ….que sexan portavoces das problemáticas que existen na súa parroquia, no seu ámbito de traballo, etc”.
Marilúz Alvarez Lastra quere transmitir o seu agradecemento “a todas as persoas participantes do CMM por estes catro anos de dedicación e de traballo na procura da igualdade entre mulleres e homes no noso Concello”.