Mondoñedo, 22 de abril de 2015. O GDR da Mariña colabora coa Rede Galega de Dinamización Xuvenil na organización dunha xornada na que persoal técnico da mesma informará en Mondoñedo sobre a “Iniciativa Xove”.
“A Iniciativa Xove é un programa da Dirección Xeral de Xuventude no que se pretende fomentar a participación da mocidade en iniciativas que promovan a aprendizaxe non formal, estimulando a creatividade, talento e liderado xuvenil”, explica a xerente do GDR Ana Ermida.
Neste programa, póñense en marcha unha serie de axudas, que poden chegar aos 4.000€, para levar a cabo proxectos promovidos por asociacións xuvenís ou que traballen nese ámbito ou grupos informais de mozas e mozos con idades entre os 18 e os 30 anos.
A convocatoria encadra proxectos no ámbito do emprendemento e empregabilidade, para o fomento de actitudes creativas, innovadoras, participativas e de liderado, proxectos de educación non formal, proxectos de creación de espazos para a comunicación e coas novas tecnoloxías ou que fomenten a participación das mozas.
Para explicar as bases da convocatoria, que está aberta ata o 11 de maio, desprazarase este venres ata Mondoñedo persoal técnico da Rede Galega de Dinamización Xuvenil, que estará a partir das 19:30 horas na Casa da Xuventude para resolver dúbidas e poñer ideas en común.
Desde o GDR, que colaboran na organización da xornada e na súa difusión, convidan a asitir a mozas e mozos interesados, asociacións xuvenís ou que traballen nese ámbito, persoal técnico de emprego e desenvolvemento local, etc.