Lugo, 28 de abril de 2015.- O pleno da Deputación de Lugo aprobou na mañá deste martes unha moción do grupo provincial do BNG na que se insta á Xunta a que “cubra de inmediato as prazas vacantes en todos os centros de saúde da provincia, o incremento do orzamento necesario para dotar a eses centros de saúde dos recursos humanos e sanitarios suficientes en todos os concellos; e, finalmente, a construción dun novo centro de saúde no barrio do Sagrado Corazón e outro no barrio da Residencia, para atender a demanda dos veciños destes barrios”, defendeu o vicepresidente provincial, Antonio Veiga. A moción foi aprobada cos votos a favor do grupo de goberno, xa que os deputados do Partido Popular non respaldaron esta proposta.
Antonio Veiga volveu a demandar que todos os veciños e veciñas da provincia de Lugo poidan acceder a “uns servizos de atención primaria de calidade nos seus respectivos concellos” e lembrou a difícil situación que atravesan os centros de saúde de moitos pequenos concellos do rural lucense, que acaba derivando nunha peor atención aos pacientes. “Desde o ano 2009, os cartos que a Xunta destina á atención primaria viñeron decaendo dun xeito alarmante e as consecuencias destes recortes tradúcense nun deterioro constante da atención sanitaria na nosa provincia, xa que a atención primaria é unha parte fundamental da mesma”, apuntou.
Desaparición de moitas prazas de atención primaria nos últimos anos
O vicepresidente provincial denunciou, “unha vez máis, que nos últimos anos desapareceron prazas de atención primaria; non se cubriron as vacacións ou baixas por enfermidade ou xubilación; existe sobrecarga de traballo e falta incluso material de traballo básico en moitos centros de saúde, polo que se impide que se estea prestando unha asistencia con eficiencia”, lamentou durante a súa intervención na última sesión plenaria deste mandato.
Así mesmo, Veiga recordou “as mobilizacións dos últimos meses en Brollón, Riotorto ou Pedrafita” e non circunscribiu estas reclamacións só aos concellos pequenos do rural, “senón que tamén hai carencias graves na capital, en barrios da cidade de Lugo, onde hai centros masificados como o da Milagrosa ou se levan prestando servizos de atención primaria nun local totalmente inadecuado, situación que se dá no Sagrado Corazón”, criticou.
Os mesmos dereitos que os galegos das provincias da Coruña ou Pontevedra
Por todas estas razóns, remarcou que “o que lle pedimos á Consellería de Sanidade é de total xustiza, xa que os veciños da provincia de Lugo tamén teñen dereito a que se cubran de inmediato as prazas vacantes en todos os centros de saúde da provincia, ao incremento do orzamento necesario para dotar aos centros de saúde dos recursos humanos e sanitarios suficientes en todos os concellos. Neste tema non pode haber cidadáns de primeira e de segunda”, reclamou.