O pasado martes, 31 de marzo, foron convocadas oficialmente as eleccións municipais para este ano 2015. En menos de dous meses teremos a posibilidade de escoller entre os diferentes proxectos de goberno, xunto coas persoas que as propias formacións políticas nos propoñan, para un periodo de catro anos de mandato.
Desde hai un tempo, un grupo de veciñas e veciños de Ribadeo, estamos a promover unha alternativa democrática onde a participación cidadá na xestión dos recursos públicos, teña un protagonismo que vaia moito mais alá das campañas electorais.
Por iso, desde a plataforma veciñal “Ribadeo en Común”, andamos a recoller sinaturas para concorrer ás eleccións municipais como unha “agrupación de electores”, co obxetivo de impulsar desde as institucións un novo sentido democrático baseado na participación e na transparencia, que axude a superar a actual situación de desafección política extendida na maioría social.
O prazo para presentar as 500 sinaturas, xunto coa fotocopia do D.N.I. esixidas por lei, remata o día 20, e de iso dependerá a posibilidade de que apareza unha candidatura veciñal xunto as listas dos partidos políticos.
Queremos facer un chamamento a todas as persoas que, independentemente da súa intención voto, entendan que a nosa proposta merece unha oportunidade.
Así mesmo, queremos convidar formar parte da nosa lista de candidatos, a todas aquelas persoas que, asinando o noso manifesto e unha carta de compromisios éticos, desexen participar nunhas primarias abertas que teñen de prazo ata o domingo 5 de abril.
Se tedes interes por algunha destas cuestións podedes pasar por Clip Graff ( rúa San Francisco nº 8), chamarnos ao número de teléfono 698 13 34 47 ou enviarnos un correo a ribadeoencomun@gmail.com.