Ribadeo, 13 de abril de 2015. Ao redor de 100 persoas asistiron á IV Gala de Acisa que se celebrou este domingo á noite no restaurante A Dorada do Cantábrico, en Ribadeo. No evento, que dirixiu o cómico Víctor Grande, entregáronse os premios á ribadense do ano e á socia honorífica que recaeron en Saribel Suárez e en Valentina Fernández, respectivamente.
O evento deu comezo ás nove da noite cun aperitivo e nun photocall, seguido da entrega de premios e a posterior cea. Na quenda de intervencións tomaron a palabra a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e o presidente de Acisa, Francisco Iriarte, que subliñou que “iniciamos unha nova andaina na xunta directiva de Acisa, marcada pola continuidade e polas ganas de traballar, pero para iso queremos contar con todos os nosos socios e socias nas asembleas, nas reunións sectoriais porque a súa opinión é moi importante”. E engadiu que “Acisa segue a ser un dos colectivos con máis socios da Mariña e ata, me atrevo a dicir, que da provincia de Lugo, e co noso traballo e co noso esforzo ó longo das vindeiras semanas e meses tentaremos ser máis. Queremos seguir medrando porque todos xuntos e unidos poderemos facer máis cousas. Pero para facelas tamén precisaremos da axuda e o apoio das institucións locais, provinciais e galegas”.
Iriarte tivo palabras de recoñecemento para as dúas premiadas: “esta é unha noite para gozar e a mellor forma de facelo é recoñecer o traballo, o esforzo e a dedicación das nosas premiadas deste ano. Dúas mulleres traballadoras, con negocios en Ribadeo (nun caso en activo e no outro non) e ás que hoxe queremos render a nosa especial homenaxe. O premio para a ribadense do ano é para unha muller que durante moitos anos deixou constancia da súa arte floral en Torga, e da súa arte coas agullas no Entroido de Ribadeo. Ela é Saribel Suárez Rodríguez. E o premio para a socia honorífica é para unha muller que segue á fronte dos seus negocios en Ribadeo en Valentina e Do Río. É unha das socias máis antigas que temos neste momento en Acisa. Ela é Valentina Fernández Fernández”.
As premiadas recibiron senllas figuras conmemorativas, ademais da ovación do público asistente. Na súa intervención Saribel Suárez dixo que “nacín en Luarca, pero Ribadeo, como pobo xeneroso que é, acolleume sen reparos ata facerme sentir tanto ou máis querida que na miña propia terra natal. Non deixa de ser, por outra banda, paradoxal que este ano sexamos dúas luarquesas as que recibamos este recoñecemento, o que significa que para os ribadenses non importa de onde veñas, si intentas facelo o mellor posible devólvencho con fartura. Non sei se o merezo, pero o que si sei é que me sinto moi orgullosa e feliz de ser considerada ribadense do ano”.
Valentina Fernández tamén se mostrou moi emocionada: “non acerto a expresar con palabras a emoción que sinto ante este premio que, aos meus anos, permíteme ser protagonista por un día. Quero darvos as grazas a todos, aos que me concededes este honor e tamén aos que me acompañastes ata aquí: ás miñas fillas, á miña neta, aos meus netos, á miña sobriña, a todas as miñas compañeiras de traballo e ás miñas amigas, ata aos que sen estar aquí presentes seguen estándoo no meu corazón”.
Os asistentes á IV Gala de Acisa foron obsequiados cun recordo de cerámica. O evento foi presentado e amenizado polo cómico Víctor Grande, que ademais cantou e realizou algún truco de maxia.
Acudiron a esta cita, entre outros, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga; o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfonso Fuente; así como os portavoces dos partidos políticos con representación no Concello de Ribadeo.