Lugo, 21 de maio de 2015. O responsable de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, considera “unha boa noticia” que a Xunta “remate o traballo iniciado pola área de Cultura da Deputación declarando Ben de Interese Cultural a colección de ourivería castrexa de Álvaro Gil”, que se atopa no Museo de Lugo desde o pasado mes de febreiro, e afirma que “logo desta declaración o tesouro castrexo que custodia o Museo de Lugo fará un fantástico tándem coma Muralla romana para a proxección e o despegue turístico definitivo de Lugo”.
O pasado 10 de febreiro regresaba ao Museo de Lugo dun xeito definitivo e para quedar para sempre no Museo lucense, a colección de ourivería de D. Álvaro Gil Varela, tralas negociacións mantidas entre a Área de Cultura da Deputación de Lugo e a familia Gil. Tratase dun importante legado de pezas de valor incalculábel para o patrimonio cultural de todos os galegos e galegas, que a Xunta de Galiza declarará este xoves BIC.
“A día de hoxe xa ningúen dubida do valor destas pezas, entre elas torques, pulseiras, adornos de pelo e arracadas, fundamentalmente de ouro, datadas entre o 1800 a.C. e o 400 d.C., a máis importente colección de ourivería castrexa do noroeste peninsular, que constitúe un auténtico tesouro patrimonio de toda a nación galega. De feito, hai pezas procedentes de Viveiro, Mondoñedo, Burela, Foz, Castro de Rei ou Riotorto, pero tamén de Toques, Melide, Pontedeume, Boiro, A Estrada ou da Gudiña. É dicir, é un símbolo de toda Galiza, non só da provincia de Lugo”, describe Mario Outeiro.
Incremento de visitantes ao Museo tralo regreso da Colección Álvaro Gil
No tempo transcorrido desde o regreso da colección a Lugo o Museo Provincial practicamente duplicou a súas visitas. Máis de 15.000 persoas pasaron polo Museo nestes tres meses para ver a colección, en concreto desde o 10 de febreiro até onte, 20 de maio, pasaron polo Museo lucense 15.603 persoas. “Son cifras moi importantes e que indican o potencial deste tesouro castrexo para dar a coñecer Lugo e atraer turismo, semellante ao que supuxo a Muralla despois da Declaración como Patrimonio da Humanidade”, afirma o responsable de Cultura e Turismo da Deputación.
A protección e posta en valor do legado queda garantida ao instalarse definitivamente no Museo Provincial de Lugo. Porén, afirma Mario Outeiro, “tendo en conta que a colección de ourivería é todo un referente fundamental para o patrimonio cultural galego e incluso en parte da propia imaxe da institución museística dependente da Deputación de Lugo, e visto que a sociedade e a cidadanía considera moitas desas pezas símbolos identitarios do seu pasado, presente e futuro, consideramos desde a Deputación de Lugo que a súa declaración como Ben de Interese Cultural pode axudar a proxectar a colección cara ao exterior, o que significaría a súa posta en valor a nivel galego e estatal, cuns retornos considerábeis nos ámbitos turísticos e económicos”.
Un ben de todos os galegos e galegas
Co recoñecemento como BIC por parte da Xunta remata un longo proceso de recuperación e posta en valor deste legado iniciado a comezos deste mandato pola área de Cultura da Deputación. “Coido que a volta definitiva da colección Álvaro Gil e a súa declaración como BIC é o fito máis destacable destes catro anos”, afirma Mario Outeiro.
O pasado 23 de outubro de 2013 a Consellaría de Cultura publicaba no Diario Oficial de Galiza a resolución de incoación de expediente para a declaración como BIC, da colección Álvaro Gil de ourivaría prerromana, a instancias da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Facíase un día antes do levantamento do seu depósito do Museo Provincial por parte da familia, logo de que o Tribunal Supremo lle outorgara a titularidade da colección, para evitar deste xeito, mediante a incoación de expediente de BIC, que puideran ser vendidas as pezas ou sacadas do Estado español.
A Consellaría prácticamente esgotou o prazo legal de 20 meses dos que dispoñía para a resolución do expediente, prazo que remataba no vindeiro mes de xuño. “A Xunta tardou 19 meses en declarar BIC algo no que todo o mundo estaba dacordo”, lembra Mario Outeiro, que pide “máis axilidade” á Xunta na resolución deste tipo de expedientes porque, dixo, “está en xogo a protección e conservación do patrimonio galego”.