Lugo, 17 de maio de 2015.- A Deputación promove os produtos autóctonos e a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade na 4ª Subida á Pontenova, que este ano estrea o I Trofeo Ribeira Sacra co patrocinio do organismo provincial. O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, entregará na tarde deste domingo os galardóns, que consisten en lotes de degustación de produtos da zona, que contan coas marcas de calidade Lugo Sabe e que forman parte da 1ª plataforma de comercio electrónico da provincia: www.losproductosdelugo.com Trátase de dúas iniciativas postas en marcha pola institución luguesa con fondos europeos, con custe cero para todos os produtores e establecementos que decidiron sumarse.
O organismo provincial tamén leva este domingo á Pontenova o autobús rotulado coa Ribeira Sacra, aproveitando a afluencia de visitantes neste evento deportivo para continuar coa campaña de sensibilización e recollida de sinaturas en apoio á candidatura deste espazo natural. A Deputación repartirá material didáctico, dando conta da riqueza e recursos da Ribeira Sacra, ao tempo que leva os libros oficiais da Unesco para seguir sumando apoios.
Máis de 50.000 sinaturas
A institución luguesa iniciou en outubro do pasado ano 2013 unha campaña de recollida de sinaturas para sumar apoios á candiatura da Ribeira Sacra, sendo máis de 50.000 as persoas que asinaron nos libros oficiais da UNESCO. Un autobús rotulado coa Ribeira Sacra iniciou na capital luguesa o seu percorrido pola provincia, chegando aos 13 Concellos que forman parte deste espazo.