A Mesa pola Normalización Lingüística acaba de publicar o libro O abecedario, as 23 letras do abecedario galego acompañadas dunha ilustración de Óscar Villán. Con este título comeza un proxecto didáctico destinado á educación infantil que ten como obxectivos incrementar o uso do galego na educación infantil, proporcionar materiais en galego para nenas/os de 0 a 6 anos e potenciar o uso de vocabulario en galego.
Este libro é para aprender o abecedario mais tamén para admirar as ilustración, para ver, imaxinar ou inventar. Aprenderán a asociar letras e imaxes, a distinguir a grafía de cada letra e ampliarán o seu vocabulario.
Dentro deste proxecto didáctico inclúese a música para que aprendan o abecedario galego cantando. A canción O abecedario conta con letra e música de Magín Blanco, un referente na música infantil en galego. Coñecido polos seus álbums A nena e o grilo, A nena e o grilo nun barquiño, Gatuxo e por colaborar en María Fumaça, Rosalía pequeniña, de Uxía Senlle e moitos máis.
A presentación terá lugar este sábado 9 de maio na sala Bahía de Foz co espectáculo A nena e o grilo no país das apertas que combina música e teatro, a partir das 18.30 horas. Logo do concerto de Magín Blanco poderá escoitarse nun vídeo na canle de youtube da Mesa.