Lourenzá e Trabada, 20 de maio de 2015.- O senador lucense –Ricardo Varela- e a deputada no Congreso- Margarita Pérez Herraiz- arrouparon en sendos mitins este mércores pola tarde ás candidatas do PSOE en Lourenzá e Trabada – Rocío López e Mayra García Bermúdez-. Ámbalas dúas márcanse como obxectivo crear concellos participativos e abertos ás propostas dos veciños e veciñas para cubrir as súas verdadeiras necesidades e anuncian a redución dos soldos dos alcaldes. No caso de Lourenzá, a candidata destacou que unha das primeiras medidas que tomará de chegar ao goberno, é a redución do soldo do alcalde e a eliminación da dedicación parcial do tenente de alcalde. Pola súa banda, a alcaldable de Trabada propón unha redución do soldo do rexedor do municipio á metade.
Ricardo Varela, que participou no mitin de Lourenzá, destacou do proxecto que presenta a candidata “a expectativa de cambio que xera, ao fin hai un novo trazado de goberno para o municipio”, e engadiu que chegou o momento que tanto esperan os laurentinos e laurentinas, o momento do cambio, de levar a cabo a renovación do concello”.
De Rocío López e da candidatura que encabeza, Varela destacou “a súa dedicación, ganas e traballo para que Lourenzá progrese gobernando baixo criterios de responsabilidade e compromiso coa cidadanía. Serán quen de abrir o concello a todos, de xestionar dun xeito equitativo, transparente e eficaz os recursos municipais, para garantir o benestar e a calidade de vida dos veciños e veciñas”.
A deputada Pérez Herraiz coincidiu neste senso co senador lucense, e afirmou que “reivindico a política como unha necesidade para a organización da nosa sociedade, asimesmo, reivindico as ideoloxías xa que son moi diferentes as de esquerda ou dereita, e o futuro pode ser moi diferente segundo quen goberne, non son solo a nivel estatal, a nivel local a ideoloxía tamén existe. Isto non son soamente verbas, senón que os feitos demostran as prioridades dos partidos: uns queremos a igualdade de oportunidades para todos e outros as oportunidades para uns poucos”. Pérez Herraiz concluíu eloxiando a capacidade política e humana de ámbalas dúas candidatas como a mellor opción para que Lourenzá e Trabada avancen cara o seu desenvolvemento preservando o benestar social e os dereitos da cidadanía”.
Política pegada á realidade
Neste senso, a alcaldable de Lourenzá indicou que “queremos facer unha política pegada á realidade e aos cidadáns e cidadás, limpa, honesta e transparente, unha política inspirada nos valores da humildade”. Fronte aos políticos do PP que parecen dar ás costas aos problemas da cidadanía, López explicou que “nós somos un equipo coñecedor da realidade do noso municipio e das dificultades que afrontan os nosos veciños e veciñas, a nosa prioridade son as persoas e escoitaremos as súas demandas e aspiracións”. Por iso, o goberno dos socialistas laurentinos pretenden modificar os horarios dos plenos para favorecer a asistencia da cidadanía aos plenos para que poidan ter voz á hora de elaborar uns orzamentos participativos co obxectivo de que cumpran as súas prioridades.
Bolsa de emprego e redución de taxas
Tamén, indicou, “crearemos unha bolsa de emprego, xestionada a través da web do Concello, para favorecer a inserción laboral dos desempregados do municipio, ademais, dun plan de formación para todos os que o requiran e aumentar así o nivel de cualificación para o acceso a novos empregos”.
“Preocupados pola difícil situación que están a atravesar moitos dos nosos conveciños e conveciñas, moitos deles en paro e asfixiados pola continua suba de taxas e recortes en servizos sociais, nós apostamos pola revisión das taxas de residuos sólidos urbanos e por mellorar os servizos do Centro de día, o fomento de actividade nas parroquias e a ampliación da axuda a domicilio, impulsando a instalación e consecución de subvencións para mellorar o nivel de vida das persoas dependentes”, explicou a alcaldable de Lourenzá.
Saír da parálise en Trabada
Pola súa banda, a alcaldable de Trabada, márcase como obxectivo saír da parálise na que se atopa o concello, potencialo e dinamizalo mantendo unha contención do gasto corrente e de persoal para permitir investir na mellora dos servizos públicos. Segundo explicou García Bermúdez, “queremos sacar adiante o PXOM, prestar máis servizos de calidade en todas as parroquias e facilitar o acceso á vivenda e ao emprego para contribuír á renovación de poboación en Trabada”.
Neste senso, a candidata indicou que “somos conscientes do problema acusado de demografía da localidade, cun avellentamento da poboación e cun forte descenso nas últimas décadas, por iso, queremos aportar oportunidades de futuro á cidadanía e asegurar a súa continuidade en Trabada”. “Dende o concello pretendemos implicar á mocidade no rural e garantir os servizos para que os nosos maiores se poidan quedar aquí: coa construción da residencia e centro de día da terceira idade que está a executar o goberno socialista da Deputación con un orzamento de 1.200.000 euros e que garantirá o envellecemento digno dos nosos maiores. A isto temos que engadir a nosa aposta pola mellora do servizo de axuda no fogar e cursos e parques biosaudables para as parroquias”, engadiu.
Potenciar as principais fontes de recursos
No tocante á economía do municipio García Bermúdez anunciou que contribuirán a potenciar as principais fontes de recursos do concello: a agricultura, gandaría, industria forestal, turismo e pequeno comercio. Así, informou das axudas á xestión das explotacións, a través de liñas de subvención para a realización de traballos agrícolas e gandeiros no rural incentivando a contratación de traballadores. Ademais, indicou, “esixiremos á Xunta os accesos ao Polígono Industrial e a ampliar dende o concello a estrada municipal de Chao Sevil a Barreiros para que unha vez feitos a Deputación poña en marcha o esperado polígono industrial” e engadiu que “elaboraremos un Plan de Dinamización Turística e pontenciaremos o camiño de Santiago, as rutas de sendeirismo e reclamaremos ao goberno central a recuperación da Ruta do Ferrocarril, entre outras”.
A alcaldable do PSOE concluiu afirmando que “o noso proxecto é o proxecto de futuro de Trabada. Fronte o medo do PP encontraredes a ilusión socialista. É o momento do cambo, xa non queremos máis do mesmo. Poñeremos a Trabada rumbo ao futuro cun goberno para todos”.