Viveiro, 17 de maio de 2015.- Os nacionalistas critican que o PSOE de Viveiro, no goberno municipal, organice un acto de celebración das Letras Galegas cunha actuación músical en inglés e castelán.
Os nacionalistas califican o acto de vergoña e despropósito. “É unha mostra de desprezo á Lingua e Cultura Galegas nun día, que debería ser, de reivindicación da nosa lingua.”
Bernardo Fraga declarou: “O PSOE de Viveiro ten a cultura absolutamente paralizada, e aínda por riba, cando se atreven a organizar algún acto de índole cultural, fano cun desprezo absoluto polo día das Letras Galegas, no que deberíamos reivindicar as nosas letras e o noso idioma”.
Así mesmo, indicou “a actuación do grupo do Conservatorio merece todo o noso respeto, un grupo de moitisima calidade musical, e que fai gozar habitualmente coas súas actuacións, pero non era o día apropiado para esta programación”
Os nacionalistas reclaman un xiro absoluto na política cultural do Concello, inexistente na actualidade, e aproveitaron para presentar o seu programa cultural, no que se inclúe: a dotación do Teatro Pastor Díaz de programación permanente, calefacción e equipo de cine; a creación da Semana do Cine de Viveiro e convertir a Biblioteca no centro cultural para fomentar a lectura entre as mozas e mozos.
Propoñen, ademáis, converter o centro comarcal nunha sala de exposicións municipal con actividade continuada.
Bernardo Fraga indicou, “o noso goberno apostará por achegar a cultura ás persoas, programando actividades rotatorias en todos os centros socioculturais das Parroquias de Viveiro”