Lugo, 07 de maio de 2015.- A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación de Lugo, Elena Candia, asegurou este xoves que o presidente da administración lucense empregou durante estes anos a institución “ao seu servizo e contra a inmensa maioría dos lucenses”.
Así o puxo de manifesto a popular durante unha rolda de prensa na que fixo balance da xestión do bipartito na Deputación de Lugo e que, segundo Candia, “déixannos un legado de marxinación, discriminación e arbitrarismo”.
A popular asegurou que a xestión de socialistas e nacionalistas na Deputación de Lugo, con José Ramón Gómez Besteiro á cabeza, definiuse ao longo destes anos en tres características: a falta de cooperación cos concellos, a ausencia de transparencia coas cifras e o uso partidistas dos fondos públicos.
Falta de cooperación cos concellos
Candia explicou que o PSOE e o BNG discriminaron sistematicamente ao 64% dos concellos da provincia de Lugo tendo “cidadáns de primeira e cidadáns de segunda. Besteiro débenos explicar por que marxinaron ao 64% da provincia e non gobernaron para o conxunto”.
A popular falou concretamente de dúas áreas. No relativo ao Plan de Obras e Servizos (o único plan no que se garante a igualdade e a concorrencia), “Besteiro deulle a volta á tortilla e, en lugar de asistir con fondos aos concellos, son estes os que achegan máis cartos ao plan”. No 2015, a administración provincial achegou só 926.846,06 euros a obras municipais, mentres que os concellos aportaron a este plan 1.085.319,78 euros. “Trátase do peor plan das catro Deputacións galegas, algo inaudito e innovador, pon en marcha un plan de asistencia pero poñen máis cartos os concellos ca Deputación”.
No relativo a servizos sociais, Candia lembrou que se está ante a única Deputación sen convenio de colaboración coa Xunta de Galicia en materia de servizos sociais e emprego e os responsables da institución achegaron durante estes anos tan só unha media de 17 ou 18 de cada 100 euros que estarían obrigados a achegar.
Ausencia de transparencia
“Énchéselle a boca falando do déficit cero pero onde están os datos, -pregúntase-, nos si os damos”. Non se dispoñen de datos de 2014, pero no 2013 existía unha débeda total (111 millóns de euros), superior a do no 2010 (86 millóns). “Se Besteiro pode reducir débeda é porque non executa ao 100% os seus orzamentos, ata a chegada das eleccións, que leva a cabo modificacións do presuposto financiado con cargo a remanente líquido de tesourería, derivado da non execución dos orzamentos en anos anteriores”.
A popular engade que o goberno da Deputación “nin achega as cifras, nin permite que a oposición as coñeza e ata en tres ocasións tivemos que solicitar a intervención do Valedor do Pobo por non darnos acceso á información, por ocultarnos o concepto das facturas, as nóminas…. A realidade é que o Valedor lle pediu que mellorase en transparencia”.
Uso partidista dos fondos públicos
Candia reiterou que Besteiro “distribúe o diñeiro con criterio político, primeiro mira a cor da administración e despois distribúe os cartos. Sistematicamente faltou ao seu deber de atender a todos os cidadáns e concellos da provincia, sexan da cor que sexan. Besteiro é arbitrario”.
Achegamos cifras que o PSOE non aporta. Dos 28 concellos cos que a Deputación aprobou convenios excepcionais na última lexislatura, só cinco estaban gobernados polo PP. Os concellos do PP reciben o 10% cando gobernan no 64% dos concellos da provincia. Mentres do distribuído a través de subvencións nominativas durante 2014 e 2015, só o 16% vai para concellos do PP (82.000 euros de 515.000 euros).
A maiores, a popular engadiu que o exemplo máis claro de discriminación sistemática e caprichosa deuse na modificación da Relación de Postos de Traballo. “Aprobáronse subidas salariais por un total de 307.000 euros, e que afectaban a un grupo moi reducido de traballadores, entre eles, persoal da máis estreita confianza do presidente da Deputación de Lugo. Trátase dun acordo moi discriminatorio”.
Polo tanto, o 64% da provincia está sen atender pero si houbo fondos para remodelar despachos da Deputación, case un millón de euros entre 2008 e 2011, ou adquirir un Audi A-8 por 106.000 euros.
Así, como conclusión a popular di que esta é a xestión de Besteiro: “falta de cooperación, ausencia de transparencia coas cifras e uso partidista dos fondos”.



















A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



