Viveiro, 18 de maio de 2015. Os nacionalistas presentaron este luns as propostas para o Deporte en Viveiro. Apostan con claridade pola creación dunha gran área deportiva en Lavandeiras, con pista de atletismo, vestiarios e bancada. Unha instalación, que xunto coa piscina municipal e o campo de fútbol existente, suporía convertir a Viveiro na referencia do deporte na Mariña. Ademais apostan por recuperar os convenios cos clubes e entidades deportivas, eliminados polo PSOE de Viveiro.
Bernardo Fraga declarou “As axudas públicas teñen que ter unhas bases e uns criterios obxectivos, non teñen que ser fixadas co dedo da alcaldesa ou alcalde de turno, como está sucedendo na actualidade”.
Ademais os nacionalistas apostan pola creación da fundación Viveiro Deporte, de interese galego. Apostan pola recuperación de xogos tradicionais e as actividades deportivas para as persoas maiores, durante todo o ano. Ademais garanten a mellora nas instalacións da piscina municipal, e dos vestiarios do campo de fútbol do Cembedo.
O candidato á alcaldía, Bernardo Fraga, salientou ademais “Apostamos pola boa xestión pública da piscina municipal, e garantimos que co BNG no goberno, así será”. Xa para rematar Fraga, indicou “Apostaremos polo deporte, como sempre fixemos, como fonte de estilo de vida saudable. Será para nós unha prioridade no goberno municipal”.