Burela, 16 de maio de 2015.- O goberno burelés ven de presentar a conta xeral do exercicio presupostario de 2014, pechada a 31 de decembro dese ano, e que será analizada pola Comisión Especial de Contas o vindeiro 1 de xuño, tal e como marca a normativa vixente.
Segundo o alcalde, José María González Barcia, “a conta xeral confirma que a situación económica actual é mellor que a de hai un ano, e moitísimo mellor que a que nos atopamos en xuño de 2011, pero aínda non nos permite grandes alegrías”.
“De feito os datos provisionais de 2014, que avanzamos a mediados de xaneiro, ratifícanse na conta xeral, o que nos da certa tranquilidade para o futuro”, engade o rexedor.
O alcalde burelés lembrou que “o remanente de tesourería aumentou en 2014 con respecto a 2013 en 219.000 euros. O remanente foi en 2013 de 1.386.911 euros e a 31 de decembro de 2014 é de 1.605.599 euros, o que xa dá unha idea clara de que a situación vaise equilibrando ano a ano”.
No tocante aos fondos líquidos cos que contaba o Concello a día 31 de decembro de 2014, segundo o rexedor, “o resultado aínda é moito mellor, xa que pasamos duns fondos líquidos en 2013 de 121.183 euros a contar con 606.420 euros a 31 de decembro de 2014, o que significa que estamos xestionando con sentido común sen facer ningunha toleada, tal e como facemos cada quen de nós nas nosas casas”.
González Barcia indicou que “o terceiro dato que nos anima a seguir traballando baixo a regra de non gastar máis do que temos é o resultado presupostario a 31 de decembro de 2014, que é positivo para o Concello en 498.597 euros, o que significa que efectivamente estamos gastando menos do que ingresamos”.
O alcalde dixo que “os cidadáns teñen que saber que aínda queda por amortizar o crédito que houbo que pedir para pagar as facturas que outros deixaron sen pagar, pero o Concello ten unha base económica sólida e se non se fan parvadas as cousas volverán ó seu canle en dous anos; pero a pouco que a situación volva ás andadas dos anos 2007/2011, podemos volver ó pozo”.
Barcia recoñeceu que “houbo que tomar algunha decisión dura e coa que nós mesmos non estábamos de acordo, pero non había alternativa; e ó final o tempo nos da a razón, estamos saíndo do atranco onde outros nos deixaron e, como digo, en dous anos as cousas estarán bastante mellor se non se cometen torpezas e irresponsabilidades”.
Pola súa banda, o concelleiro de Economía, José Casas, asegurou que “cumprimos o principio de estabilidade orzamentaria (non gastamos máis do que ingresamos), cumprimos coa lei de morosidade (pagamos o que debemos, e facémolo cunha media de trinta días) e ademais, e en virtude do informe emitido polo propio Ministerio de Hacienda a través da plataforma electrónica creada ó efecto, tamén cumprimos coa regra de gasto, co que o Concello de Burela ve algo máis despexado o seu horizonte económico”.
Casas dixo que “o esforzo feito nestes catro anos foi enorme, ás veces criticado e non ben entendido polos cidadáns, pero agora vense os logros dese esforzo. Atoparse un millón trescentos mil euros en facturas sen pagar e sen cartos para facelo é, ademais de moi grave, moi duro e complicado saír desa situación, pero conseguímolo”.
Finalmente, González Barcia dixo que “o camiño a seguir ten que ser o mesmo que seguimos hasta agora, non gastar máis do que temos e pagar o que se debe”.