A Mariña, 12 de maio de 2015.- O Bloque Nacionalista Galego denunciou este martes diante da Xunta Electoral a desaparición dos seus carteis en días pasados en varios concellos da comarca da Mariña, como Barreiros, Burela ou Cervo, algo que a responsable comarcal do BNG, Ana Ermida, considera un “ataque á democracia” e achaca “ao nerviosismo dalgún alcalde do Partido Popular que ve que despois do 24 de maio vai deixar de selo”.
“Puxemos en coñecemento da Xunta Electoral os actos de sabotaxe que estamos recibindo porque o consideramos inadmisible en democracia e pedimos aos alcaldes do Partido Popular destes concellos que cumpran coa súa obriga legal de vixiar os lugares públicos destinados á propaganda electoral dos distintos partidos que se presentan ás eleccións e velar por unha campaña electoral limpa”, reclama Ana Ermida.
Para a responsable comarcal nacionalista, o BNG está a ser vítima destes ataques “porque o Bloque é unha forza política en ascenso na comarca da Mariña e iso aos alcaldes do PP moléstalles”. “O BNG é unha forza política de referencia na comarca da Mariña porque os veciños e veciñas saben que a xente do Bloque somos de fiar e somos unha garantía para os Concellos da Mariña, unha garantía de seriedade, transparencia, honradez e bo goberno para todos os Concellos”, afirma Ana Ermida.
Nós damos a cara, os alcaldes do PP agóchanse
Ana Ermida afirma que “o BNG sempre dá a cara en favor dos veciños e veciñas e vai de frente”, mentras “os alcaldes do PP agóchanse”. “Non hai máis que ver ao alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, que se nega a ir a un debate solicitado por nada menos que 23 asociacións do concello, e nin sequera pón a súa foto nos carteis, ocultando quen é o responsable do desgoberno e a desfeita no Concello”, afirma. Pola contra, o Bloque está a facer en Barreiros unha campaña participativa e de contacto directo cos veciños e veciñas, visitando todas as parroquias, con repartos e mitins en todas elas.
Nas candidaturas do BNG, frescura e xente nova
A responsable comarcal do BNG destaca “o compromiso das persoas que integran as candidaturas do BNG” e explica que “a frescura e a presenza da mocidade son protagonistas nas listas do Bloque na Mariña”, onde das máis de 200 persoas que integran as candidaturas nacionalistas máis da metade son persoas independentes que non militan no BNG e en moitos casos que nunca participaran en política. Outro dos datos que destaca Ana Ermida é que a media de idade das persoas cabeza de lista non supera de media os 35 anos, algo que evidencia que “o Bloque é unha forza de futuro e en ascenso na Mariña”.
Presenza de Xavier Vence este mércores en Mondoñedo
O discurso do BNG está centrado nesta campaña na defensa dos servizos públicos fronte aos recortes acometidos polos gobernos do Partido Popular, no impulso á democracia e a transparencia para poñer os Concellos ao servizo dos veciños e veciñas e en destacar o bo traballo feito polos gobernos do BNG nas alcaldías de Ribadeo, Mondoñedo e Riotorto.
O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, visita mañá a comarca da Mariña para denunciar os problemas de infraestruturas da comarca. Vence estará en Mondoñedo e subirá xunto ao alcalde, Orlando González Cruz, e outros cargos nacionalistas da comarca, até o Fiouco, para denunciar os problemas de seguridade da A-8 e reclamar medidas que garantan que a autovía deixe de funcionar de xeito intermitente e poida ser utilizada os días que hai néboa con total seguridade para os condutores e condutoras.