Mondoñedo, 13 de maio de 2015.- O Bloque Nacionalista Galego reclamou este mércores á mañá “vías de comunicación do século XXI para a comarca da Mariña”. O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, acompañado polos alcaldes e candidatos do BNG na comarca subiron até o alto do Fiouco, en Mondoñedo, para denunciar o estado das infraestruturas na comarca e reclamar “solucións definitivas” ao Partido Popular.
“Non se pode consentir a burla que supón manter esta comarca, unha das máis puxantes de Galiza, cunhas vías de comunicación como as que ten na actualidade: unha autovía cortada todos os días, unhas estradas nun estado lamentable, un ferrocarril inexistente e sen un porto comercial de primeiro nivel para o tráfico de mercadorías”, denunciou Xavier Vence, que dixo que esta situación dase “co consentemento dos alcaldes e dirixentes do Partido Popular da Mariña”.
Por contra, Vence puxo aos alcaldes nacionalistas de Mondoñedo, Ribadeo e Riotorto como “o exemplo de alcaldes que xestionan ben e que se poñen do lado dos seus veciños e veciñas á hora de reclamar solucións”. “A foto do alcalde de Mondoñedo, Orlando González Cruz, protestando diante de Feijóo e da ministra de Fomento polo estado da A-8 é xa un símbolo en toda Galiza dun alcalde que defende aos seus veciños e veciñas”, afirmou o portavoz nacional do Bloque.
“O peixe ou a madeira seguen saíndo polas mesmas estradas de hai 30 anos”
“A comarca da Mariña é a máis dinámica e puxante economicamente da provincia de Lugo”, dixo Xavier Vence, que lembrou que A Mariña ten 70.000 habitantes e representa o 35% do PIB da provincia. Pero pese a iso, dixo, “o peixe ou a madeira da comarca seguen saíndo polas mesmas estradas de hai 30 anos”, denunciou.
No alto do Fiouco o BNG quixo denunciar que a autovía A-8, que levaba sendo prometida 20 anos abriuse en febreiro de 2014 para acabar co illamento da comarca por estrada, “é unha autovía intermitente que só serve para o bo tempo”, porque cando hai néboa, algo habitual na zona, está cortada, como aconteceu onte mesmo. “A A-8 leva un ano en funcionamento e pasa case máis días pechada que aberta, supoñendo unha verdadeira incertidume para os condutores, que nunca saben se a van atopar aberta ou pechada”, denuncian os nacionalistas, que reclamaron “solucións definitivas a este problema”.
Feijóo non defende á Mariña
O portavoz nacional do BNG, que despois de subir ao Fiouco visitou a vila de Mondoñedo xunto ao seu alcalde, dixo que “Feijóo non defende á comarca da Mariña porque non ten unha visión de país”. “Para o presidente da Xunta, Galiza acábase na costa atlántica”, denunciou Vence.
O portavoz nacional do Bloque dixo que “Feijóo fai deixación das súas funcións e responsabilidades e non defende a sectores como o da pesca cando vai a Madrid e Bruxelas” e puxo como exemplo “as cotas pesqueiras que afogan a capacidade produtiva de comarcas como a da Mariña”. “Feijóo cala e achanta co que lle din e fan falta alcaldes coma os do Bloque que nin calan nin achantan diante dos problemas dos seus veciños e veciñas”, afirmou.
Neste sentido, Xavier Vence puxo en valor o traballo feito polo BNG na comarca da Mariña nos últimos anos e puxo aos alcaldes nacionalistas de Mondoñedo, Ribadeo e Riotorto como “exemplo a seguir pola súa boa xestión e a defensa que fan dos veciños e veciñas”. “Fan falta moitos alcaldes coma o de Mondoñedo, Ribadeo e Riotorto na comarca da Mariña e en toda Galiza”, dixo Vence.
Solución definitiva para o problema da A-8
“PP e PSOE son responsables deste despropósito, polo deseño e elección do trazado e por inaugurala sen as medidas de seguridade necesarias pese a térense gastado 192 millóns de euros no tramo de 15 quilómetros entre Lourenzá e Abadín”, denuncia o Bloque, que di que “o PP non sabe que solución darlle á A-8, porque a ministra Ana Pastor anunciou xa en dúas ocasións un concurso de ideas que a día de hoxe aínda non convocou”, lembran.
O 26 de xullo de 2014, tan só 6 meses despois da súa inauguración, produciuse no Fiouco un accidente en cadea no que se viron implicados 35 vehículos e que se saldou cunha persoa falecida e medio cento de feridos. Desde entón o BNG ven reclamando solucións para este tramo pero o PP “o único que fixo foi poñer un radar de 9 kilómetros, o radar de tramo máis longo de Galiza e un dos que máis multa en todo o país e que fará que acaben sendo os usuarios da vía os que paguen o que custe necesario para solucionar o problema. O PP creou o problema e resólveo pechando a autovía e multando á xente”, critica o BNG.
A N-634, a N-640 e a N-642, nun estado “lamentable e calamitoso”
O alcalde de Mondoñedo, Orlando González Cruz, criticou pola súa banda o estado “lamentable e calamitoso” no que se atopan as tres estradas de titularidade estatal da comarca (N-634 Oviedo-Santiago, N-640 Ribadeo-Meira-Lugo, N-642 Estrada da Costa Ribadeo-Viveiro). “O seu estado de conservación é moi deficiente, o que fai que sexan practicamente intransitables en moitos tramos e cunhas condicións de mantemento máis propias dunha pista forestal que de estradas xerais”, denunciou.
A vella N-634 entre A Espiñeira e Abadín é, igual ca A-8, unha vía perigosa e con moitos puntos negros. A A-8 creouse precisamente como alternativa á N-634 e resulta que ten que ser agora alternativa á A-8 os días que a autovía está pechada. O BNG da comarca levan meses dando a batalla para que se amañe, igual que a N-642, a estrada da Costa que vertebra a comarca entre Viveiro e Ribadeo. Está intransitable en moitos tramos e as protestas dos condutores son continuas. O Partido Popular acaba de anunciar actuacións de mantemento nun tramo de 10 quilómetros cando a vía ten case 26. “Estes traballos resultan absolutamente insuficientes, pois a vía precisa unha actuación integral de mellora”, reclama o Bloque.
A N-640 entre Ribadeo e Lugo é a outra das estradas que comunican a Mariña. Logo das reclamacións do BNG no Congreso dos Deputados, o Ministerio de Fomento amañou o tramo até A Pontenova, pero faltan os tramos até Meira e Lugo.