Barreiros, 8 de maio de 2015. O alcalde, Alfonso Fuente, desprazouse a Madrid para manter unha xuntanza con empresas que están interesadas en adquirir terreos no polígono de Barreiros.
O rexedor explica que “unha desas empresas é Azkamsa SL, unha firma vasca dedicada á loxística, distribución e transporte de mercancías. Esta empresa está interesada en instalarse en Barreiros, debido a que o parque empresarial está situado a poucos metros do acceso á autovía A-8, entre outras cousas”.
Fuente Parga sinala que “desde o Concello estamos a contactar con diversas empresas para contarlles que se produciu unha baixada do 50% no prezo dos solares que se poñen á venda no polígono industrial. Tentamos localizar inversores que estean dispostos a implantarse en Barreiros e a crear emprego no noso concello”.
O alcalde barreirense subliña que “o de Barreiros é un dos polígonos onde máis solo se vendeu nos últimos meses e nesta liña seguiremos a traballar. É moi importante que novas empresas veñan aquí a instalarse, porque iso repercutirá na economía municipal, ademais de crear postos de traballo”.