Burela, 8 de maio de 2015. O vindeiro mércores, 13 de maio, terá lugar a entrega dos diplomas aos asistentes ao Obradoiro de habilidades sociais, que organizou o Concello en colaboración co Centro de Saúde.
O Programa de Atención a Inmigrantes, da Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade, en colaboración co departamento de traballo social do Centro de Saúde de Burela, organizou un Obradoiro de habilidades sociais dirixidos a persoas inmigrantes, como un paso máis para a integración deste colectivo.
Esta actividade está encadrada dentro dos obxectivos do Plan Municipal de Integración de Inmigrantes e nela tratáronse aspectos como a comunicación, resolución de conflitos, reforzo da autoestima, igualdade así como aspectos directamente relacionados co proceso migratorio como a carencia de vínculos, dificultades de adaptación e duelos migratorios.
O mércores próximo, 13 de maio, ás 12.00 horas terá lugar a entrega dos diplomas na Casa do Concello. Ao acto asistirán o alcalde, José Mª González Barcia, a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, e a responsable do Programa de Atención a Inmigrantes, Conchi Pernas.