14 de maio de 2015.- O secretario xeral de Pesca, Andrés Hermida, asistiu este xoves a XVI Feira Náutico Pesqueira EXPOMAR 2015 que se celebra do 14 ao 17 de maio en Burela, onde participou na I Xornada Técnica Expomar. O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio está presente neste foro cun posto de 52 m², dende o que se dan a coñecer as actividades do Departamento en temas pesqueiros.
Alí infórmase sobre a última normativa, de recente aplicación a finais do ano 2014, na que se establecen os requisitos obrigatorios de información ao consumidor dos produtos da pesca e a acuicultura.
Tamén se mostra, mediante un mapa de España, a relación de Organizacións de Produtores Pesqueiros de España e as especies pesqueiras que pescan e comercializan. O obxectivo é poñer en valor estas entidades que contribúen a unha produción sostible e á mellora da renda do sector pesqueiro.
EXPOMAR 2015
A Feira concentra destacadas empresas e profesionais do sector naútico-pesqueiro. Celébrase no novo recinto “Nave de redes”, situado na explanada portuaria da devandita localidade e participan un centenar de expositores do sector pesqueiro e máis de 300 firmas comerciais.
Expomar, feira profesional do sector, constitúe actualmente un referente en toda a Cornixa Cantábrica e norte de Portugal para os profesionais do mar. Na anterior edición do ano 2013, presentáronse preto de 300 firmas, agrupadas en maquinaria diversa, equipamentos especiais para buques, equipos de procesamento, e conservación en buques pesqueiros, náutica, industria naval, servizos portuarios, comercialización e industrialización de produtos pesqueiros, así como a reciclaxe de bio-sólidos e coidado do medio mariño.
Como en anteriores edicións, a Feira Expomar 2015 mantén de forma paralela á propia exposición comercial unha serie de actividades coñecidas polo sector, as XXII Xornadas Técnicas Expomar 2015 e o XVI Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, valor engadido de interese para os profesionais e para todas aquelas persoas vinculadas ao mundo do mar e da pesca.