Santiago, 13 de maio de 2015.- O Parlamento galego acordou por unanimidade instar á Xunta de Galicia a “continuar as xestións en curso e os trámites preceptivos xa en marcha para acometer de xeito inmediato o dragado das dársenas portuarias de Foz, Ribadeo, Viveiro e Burela, co fin de recuperar a súa operatividade e evitar posibles situacións de risco para as persoas e as embarcacións”
O acordo final modifica o texto proposto polo PSOE e recolle na súa literalidade a emenda formulada polo Grupo Popular, que corrixe a iniciativa orixinal e incorpora, ademais das dragaxes de Viveiro e Ribadeo, as dos portos de Burela e Foz, que o PSOE deixaba “inexplicablemente” fóra da súa iniciativa.
O voceiro do Mar, Jose Manuel Balseiro explicou que o seu partido logrou introducir no acordo final estas dúas localidades “convencidos de que a iniciativa socialista se quedaba corta” e tras indicar que ante “a mesma problemática deben darse as mesmas solucións, porque os populares, a diferenza do PSOE, non queremos ter portos de primeira e de segunda categoría en función dos intereses electorais e partidistas”.
TODAS AS DRAGAXES EN TRAMITACIÓN
Finalmente, Balseiro lembrou que hai unhas semanas o Presidente de Portos de Galicia, Jose Juan Durán, confirmaba, a preguntas do Grupo Popular e en sede parlamentaria, que están en marcha a tramitación técnica económica e administrativa de todas estas dragaxes, ante as demandas formuladas polos usuarios e os problemas de calado detectados.
Balseiro lembrou que a tramitación dunha dragaxe é un proceso complexo, desde o punto de vista técnico, no que participan distintas administracións, que realizan varios informes sobre as actuacións a acometer.
Por iso, salienta a importancia de que en Portos de Galicia xa estean impulsando os trámites que lle corresponden e establecendo as condicións técnicas e orzamentarias necesarias para acometer as dragaxes das dársenas portuarias de Ribadeo, Foz, Burela e Viveiro á maior brevidade posible.