Burela, 15 de maio de 2015. O alcalde de Burela, José Mª González Barcia, participou este venres na apertura do Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, que se celebra coincidindo coa XVI Feira Monográfica Náutico Pesqueira Expomar. Nese foro debátense este venres os problemas máis candentes do sector pesqueiro.
O rexedor e presidente da Fundación Expomar explicou que “na miña intervención o que fixen foi agradecerlles á presenza aos asistentes e que tomen Burela como punto para facer un debate amplo, sosegado, con todos os problemas que ten o sector enriba da mesa e poder sacar conclusións que sexan tidas en conta polas administracións competentes en materia de pesca”.
González Barcia está seguro de que “si todos facemos un esforzo o futuro da pesca debe estar máis e mellor garantido. Eu sei que as persoas que asisten a este encontro serán extremadamente rigorosos e serios nas súas análises e tamén serán extremadamente cautos á hora de facer as súas conclusións. Serán cautos, pero ao mesmo tempo co suficiente realismo e veracidade para trasladarlles ás administracións aquelas demandas, aqueles problemas que lle afectan máis ao sector pesqueiro. Eu como presidente da Fundación Expomar e como alcalde de Burela confío en que a Xunta terá en conta esas conclusións e que saberá trasladalas á Unión Europea, que é onde realmente se toman as decisións en materia de pesca, para defender os intereses dun sector, que como se sabe, é fundamental para Burela”.
A XVI Feira Expomar, que se celebra na nave de redes no porto burelés, continuará ata vindeiro domingo, 17 de maio.