Burela, 16 de maio de 2015.- O Burela FS Pescados Rubén volveu demostrar que a motivación de duelo irmandiño non se lle dá nada mal; reinou no último derbi galego da tempada impoñéndose a domicilio 1-3 ante o Poio Pescamar FSF.
As pupilas de Iván Cao, Lucas, tiveron que remar fronte ao tanto temperán das pontevedresas, que xa no minuto 2 conseguiron adiantarse no marcador ao quedar Ana Carolina soa ante Jozi tras un desaxuste laranxa nunha parede. As mariñás souberon recompoñerse aos poucos e tiveron paciencia para atopar o oco idóneo nas filas do Poio, que apenas xerou perigo sobre a meta burelista, a excepción dun par de contras; a falta dun minuto para o descanso, Peque anotou a igualada de cabeza tras un pase longo de Jozi.
Tras o descanso, a cor laranxa cobrou máis brillo sobre a pista, subindo ritmo e liñas. Con todo, o Burela FS tivo que esperar ata superar o ecuador da segunda parte, no minuto 33, para poñerse por diante nas zapatillas de Maite, que aproveitou un rexeite de Peque ao segundo pau, tras saque de esquina. A 7 mariñá si puido marcar o seu segundo gol do encontro tan só un minuto despois; Peque selou o definitivo 1-3 soa ante a portería pontevedresa tras unha xogada individual de Cris pola banda superando as filas locais.
Ficha técnica
Poio Pescamar FSF: Silvia, Claudia, Ana Carolina, Yolanda, Elena (cinco inicial). Tamén xogaron Jennifer, Souza, Rosario, Tania, Nerea e Zara
Burela FS Pescados Rubén: Jozi, Peque, Gaby, Claudia, Cris (quinteto inicial). Tamén xogaron Maite, Paula e Patri
Goles: 1-0, min. 2, Ana Carolina; 1-1, minuto 19, Peque; 1-2, minuto 33, Maite; 1-3, minuto 34, Peque
Árbitros: Roberto Amor // Rubén Pena (Ferrol)
Tarxetas: Por Poio amarela a Rosario (minuto 30). Por Burela amarela a Paula (minuto 29)
Incidencias: Partido correspondente á 28ª xornada de Primeira División RFEF, disputado no pavillón municipal de Poio.