Tres longos anos chamando ás portas de San Caetano! Os veciños de Ribadeo só pedían unha xuntanza coa Conselleira de Benestar. Unha pequena reunión para falarlle da necesidade dunha nova residencia para os seus vellos. Pero, papeis van, silencio vén. Esa foi a resposta ás insistentes chamadas dos veciños de Ribadeo, apoiadas por máis de dúas mil sinaturas. O silencio total. Como pontificou o principal voceiro do PP de entón en Ribadeo: “Si quieren algo, que se presenten a las elecciones”. Co pobo de Ribadeo non se fala. Sométeselle á damnatio memoriae. Para o goberno de San Caetano Ribadeo non existe dende que está o BNG no Concello. Para eles Galicia remata no Masma.
Pero – cousas da democracia! – pasa que as veces cambian as tornas. O tempo corre á presa e as eleccións locais tornan a estar aí. É agora o PP o que chama ás portas dos veciños de Ribadeo. Necesita o seu voto. Quere gobernar as súas vidas e facendas dende o Concello. Nos taboleiros electorais aparecerán outra vez as caras dos seus candidatos. Caras novas coas vellas verbas de sempre. E empezarán a soar outra vez os megáfonos percorrendo as rúas e aldeas de Ribadeo para pregoar as súas seductoras propostas e apaixonantes promesas. Tentarán captar ós votantes coas súas teimosas promesas. Xusto o que fixo Rajoy cando estaba na oposición. Logo pasou o que pasou. E é que o levan na natureza. Presentarán moitos proxectos estrela para trocar Ribadeo nun paraíso. Baixar os impostos municipais, dotar ós veciños de máis e mellores servizos e outras lindezas, como prometerlles un céspede novo para o campo de fútbol. E… blablabla. Pero si non acadan o apoio do pobo nas urnas, Ribadeo desaparece do mapa. Para eles Galicia remata no Masma.
Pero para cobrar copagos e impostos aos ribadenses Galicia non remata no Masma, remata no Eo. Os portazos e desprezos a Ribadeo sucédense uns tras outros. O trato que o goberno da Xunta dispensa ao pobo de Ribadeo depende do partido que goberne no Concello. Xusto como na Idade Media: “cuius regio, eius religio”, é dicir, segundo o goberno que os veciños teñan no Concello así serán tratados pola Xunta. Porque a tal goberno, tal apoio. Ou sexa, castigar o goberno do BNG no Concello repartindo hostias nas meixelas dos veciños. Esa é a súa estratexia política: pisar o rabo aos ribadenses para que ladren ao BNG no pazo de Ibáñez.
Pero, a pesar dos atrancos e das falsas promesas da Xunta, as obras da nova residencia de anciáns seguen adiante a bo paso, grazas ao apio económico da Unidade de Benestar da Deputación Provincial e do mesmo Concello, gobernado polo BNG. Os veciños de Ribadeo terán axiña un novo edificio para aloxar os seus vellos e pasar nel os seus derradeiros días. Axudará a Xunta na súa vindeira xestión ou haberá que agardar a que goberne no Concello o PP?
“Mans que non dades, que esperades?” Velaí un dito para lembrar cando o PP chame ás portas dos Ribadenses. Porque se nesta vida todo xira ao redor do círculo de reciprocidade “do ut des”, é dicir, douche para que me deas, e se é verdade que os feitos dos homes están movidos por esta realidade, hai que preguntarse, que lle deben ao PP os veciños de Ribadeo na procura da nova residencia? Parabéns, quizabes? Máis ben, pagarlle coa mesma moeda cando chame ás súas portas para pedirlles o voto. Porque, para cobrar impostos Galicia remata no Eo. Pero, para axudar aos ribadenses remata no Masma.
José María Rodríguez.





















A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



