Ribadeo, 8 de maio de 2015.- O candidato socialista á alcaldía de Ribadeo -Roberto Ramos Piñeiro-, xunto á vicepresidenta segunda da Deputación –Lara Médez- destacou este venres diante dos veciños que “os socialistas son unha alternativa real ao actual Goberno municipal, que está desgastado, actúa con improvisación e non escoita aos cidadás”. O alcaldable fixo estas declaracións durante mitin celebrado esta tarde-noite no Cine Teatro, onde anunciou algúns dos compromisos que se inclúen no programa de goberno do PSdeG-PSOE ribadense.
Neste senso, os principais eixos de actuación, que foron dados a coñecer hoxe polo candidato, son os seguintes: unha reordenación viaria, incrementar a presenza da Policía Local, crear un padroado de festas, habilitar o forte de San Damián como Museo do Mar, facer un plan director de instalación deportivas, mellorar a traída de auga e o alumeado público, especialmente nas parroquias, adecuar estradas e pistas, levar a banda ancha a todos os lugares de Ribadeo, ampliar a oferta educativa pública infantil, “procurar que as confesións relixiosas paguen a contribución das propiedades que non son centros de culto, como o resto dos veciños”, impulsar o proxecto e execución dun centro multiusos, “e facer de Ribadeo unha vila máis atractiva e acolledora, limpando, mantendo e mimando o noso patrimonio”.
“O próximo alcalde de Ribadeo”
Pola súa banda, a vicepresidenta segunda da Deputación mostrouse convencida de que Roberto Ramos será o próximo alcalde de Ribadeo pola “ilusión, ganas e traballo que está a poñer dende o primeiro momento”. Lara Méndez subliñou que para os socialistas a campaña electoral recén arrancada é iso, “ilusión, ilusión por pedir o voto, por pedir a confianza dos cidadáns e ilusión para que o día 24 gañen os veciños de Ribadeo e os veciños da provincia de Lugo”.
“O Partido Popular ten medo á xente, a falar cos veciños, téñenlle medo ás urnas porque a eles a democracia veulles imposta e porque lle fixeron moito dano á xente, aos pensionistas, aos mozos, aos traballadores, aos enfermos… Fronte a este medo do PP, está a ilusión dos socialistas porque as urnas falen claro o 24 de maio, porque os veciños de Ribadeo e da provincia de Lugo digan, ata aquí, xa non quero máis do mesmo”, asegurou a Vicepresidenta. O día 24 “vai ser unha vitoria da xente, de todos os veciños a provincia, a vitoria dun novo ciclo que poña rumbo ao futuro a todo o país”, recalcou.