A CIG-Saúde A Mariña chama a participar este mércores 10 de xuño ás 11.30 horas nunha concentración “contra o peche de camas” diante do Hospital da Costa.
O Goberno do PP pechará 1.015 camas no SERGAS durante o verán avanzando no demantelamento e a privatización dun servizo público esencial, a sanidade de Galiza. No Hospital de Burela serán 30; 15 en traumatoloxía e 15 en cirurxía.
O peche de camas afectará a miles de doentes que agardan por unha intervención cirúrxica cifrada en 36.000 persoas.
A maiores, dende a CIG-Saúde denúnciase que co peche de camas e a non substitución do persoal no período vacacional, “o Sergas está a incrementar o paro sanitario da nosa mocidade na comarca, condenando aos/ás aspirantes das listas de contratación ao drama do desemprego, tendo como consecuencia directa un impacto na economía real desta comarca, porque hai que lembrar que o Hospital da Costa é o segundo centro de emprego da Mariña”.
Por todo isto, a CIG-Saúde A Mariña “esixe á Xerencia Executiva do Hospital da Costa a apertura de todas as camas e a contratación de persoal para ofrecer unha atención sanitaria de calidade e de proximidade tanto no Hospital da Costa como nos Centros de Saúde e PAC´s da nosa comarca”.