O proxecto da FEIRAMOSTRA OS MUIÑOS 2015, englobado no programa da VIII Xornadas Abrindo Camiño, levarase a cabo o sábado 11 de xullo.
Despois da reunión celebrada este mércores 3 de xuño na Taberna o Valeco con representantes da Corporación Municipal (en funcións e electos) e representantes das asociacións, considerouse seguir adiante co proxecto para a realización da feiramostra, co que se pretende axudar a revitalizar un barrio emblemático de Mondoñedo, agardando que se cumpran as vontades e compromisos de arranxar as problemáticas das canles do río Valiñadares o seu paso polo barrio.
A Feiramostra estará dedicada ós sectores turístico, artesanal e agroalimentario e xa se conta, polo de agora, cunha trintena de participantes inscritos. O programa contempla “demostracións en vivo” de olería, zocas, serigrafía, pintura, cestería, talla de pedra, forxa e catas e degustacións de produtos autóctonos que se complementará con actividades de animación: teatrais, monicreques, musicais, etc.
Esta VIII edición trata de completar un proxecto para impulsar e poñer en valor lugares emblemáticos de Mondoñedo e comarca, relacionados co sector do turismo e que poidan axudar a paliar a crise xurdida polo peche das industrias da zona. Así anteriores edicións estiveron dedicadas a promocionar a Variante Marítima do Camiño Norte de Santiago, recuperando a memoria histórica do paso de peregrinos pola basílica catedral de San Martiño de Mondoñedo, impulsando no seu trazado as parroquias de Oirán, Masma e Viloalle e posibilitando un final de etapa na cidade.
Outras edicións tamén se dedicaron á creación e promoción do Roteiro Turistico-Literario “Leiras Pulpeiro” que engloba lugares simbólicos do casco histórico relacionados coa vida e obra do médico e poeta, e do entorno da Area Recreativa de ” A Fervenza” de Viloalle, que Leiras recomendaba polos seus valores paisaxísticos e mediciñais: A Fonte de Augas Sulfurosas, A Pena do Unto e o Castro da Recadiera ou as antigas fábricas de luz da Electricista Mindoniense.
LUIS FERNANDEZ ANSEDES. Presidente da Asociación Abrindo Camiño e Coordinador da Plataforma Comarca de Mondoñedo Unida.