Santiago, 11 de xuño de 2015.- O Consello da Xunta deulle este xoves o visto e prace ao Decreto de aprobación do Plan de conservación do monumento natural da praia das Catedrais, un documento que prevé un investimento de máis de 1,5 millóns de euros durante os vindeiros 10 anos e a regulación do acceso nas épocas de maior confluencia de visitantes.
O plan nace da preocupación polo perigo de degradación deste espazo protexido, situado no concello de Ribadeo e de gran atractivo turístico, e ten como obxectivo xeral facer compatible a preservación dos valores ambientais que motivaron a declaración de monumento natural co desfrute público do lugar. Esa preocupación e a necesidade de adoptar medidas de control foi trasladada á Xunta de Galicia por canles oficiais desde o Concello de Ribadeo e desde a Deputación de Lugo.
Este documento é froito do diálogo e da participación de diferentes administracións, colectivos e organizacións e que incorporou en gran medida as alegacións e informes solicitados nos dous procesos de participación pública a que foi sometido.
O resultado é un instrumento de planificación que, a partir dun diagnóstico científico sobre as principais ameazas que afronta o espazo protexido, establece un réxime de usos e aproveitamentos.
Esa avaliación de riscos permitiu constatar que a excesiva concentración de visitantes durante determinadas épocas do ano representa un risco severo para a conservación dos hábitats prioritarios do monumento natural da praia das Catedrais, e as probas de carga realizadas cifran en 4.812 persoas e día o límite recomendable para evitar danos.
Autorización necesaria desde o 1 de xullo
Por ese motivo, e co obxectivo tamén de facilitar unhas mellores condicións de desfrute aos visitantes, o Goberno galego fixará nesas 4.812 persoas ao día o acceso máximo ao lugar durante os meses de xullo, agosto e setembro e na Semana Santa, épocas nas que se vén rexistrando unha maior confluencia de turistas no monumento natural.
Así, a partir do vindeiro 1 de xullo os visitantes que se acheguen á praia das Catedrais deberán contar cunha autorización gratuíta que poderá conseguirse desde 15 días antes no enderezo web http://ascatedrais.xunta.es.
Cada persoa poderá reservar un máximo de 30 autorizacións para un mesmo día, aínda que as axencias de viaxes disporán da posibilidade de reservar as autorizacións necesarias para grupos con visitas concertadas.
Así mesmo, a Xunta distribuirá unha porcentaxe de autorizacións diarias entre os concellos de Ribadeo e Barreiros, as asociacións de hosteleiros da zona e o Clúster de Turismo de Galicia, co obxectivo de facilitar a súa distribución entre os visitantes.
Deste xeito faise fronte non só ao risco de degradación dos valores ambientais e paisaxísticos deste espazo, senón tamén á saturación dos servizos e accesos á praia, e á percepción global do que debe constituír un espazo natural protexido.
Diálogo e participación
O documento é froito do diálogo e da participación de diferentes administracións, colectivos e organizacións e incorporou en gran medida as alegacións e informes solicitados nos dous procesos de participación pública aos que foi sometido.
Nese sentido, cabe destacar, por exemplo, que o plan conta co aval do Consello Galego de Medio Ambiente, e que o documento final ten en conta as achegas formuladas tanto desde o Concello de Ribadeo como desde a asociación de comerciantes maioritaria dese concello, Acisa, para establecer un sistema activo e presencial de regularización dos accesos ao areal, dotado con persoal de control e información, tal e como está previsto.
Ademais, e co obxectivo de acadar unha maior eficacia na ordenación de acceso ao monumento natural, a directora xeral de Conservación da Natureza mantivo este mesmo mércores senllas xuntanzas co alcalde de Ribadeo e co alcalde de Barreiros, destinadas a coordinar o funcionamento do sistema de autorizacións. Reuniuse tamén onte con Acisa, que valorou o Plan como unha oportunidade para o mellor desenvolvemento turístico do municipio.
Así mesmo, nas vindeiras semanas a Consellería de Medio Ambiente e a Axencia Turismo de Galicia desenvolverán unha campaña informativa sobre a regulación de accesos, dirixida tanto cos colectivos e asociacións profesionais afectados como á sociedade en xeral.
Cinco obxectivos, 12 liñas de acción
Co fin de restablecer e manter nun estado de conservación favorable os valores ambientais que motivaron a declaración do monumento natural das Catedrais, o Plan de conservación establece cinco obxectivos estratéxicos que, a través de medidas concretas, levarán aparellado un investimento de máis 1,5 millóns de euros. Eses obxectivos son os seguintes:
1. Avanzar no coñecemento do espazo protexido, así como dos riscos e das ameazas que encara. Prevese neste punto o inventario de hábitats naturais e de especies de flora e fauna silvestre.
2. Evitar a perda da biodiversidade e a conservación de hábitats, mediante o seguimento e control das especies exóticas invasoras e mellorando o estado de conservación da matogueira costeira.
3. Acadar un uso ordenado e compatible coa conservación dos valores naturais do espazo. Ademais de regular o acceso nos períodos de maior confluencia de visitantes para reducir a presión do uso público no lugar, apóstase por favorecer a desestacionalización da demanda e a promoción doutros puntos de interese turístico na comarca da Mariña. Así mesmo, está prevista a difusión da normativa de uso público, e o control e vixilancia do seu cumprimento.
4. A mellora paisaxística do patrimonio natural. Para acadar este fin, recóllense medidas como a ordenación e homoxeneización dos paneis informativos de diferentes organismos; a eliminación de noiros artificiais e a recuperación da topografía orixinal do terreo; iniciativas para mitigar ou reducir o impacto visual dos equipamentos e infraestruturas existentes ou previstos; desenvolver actuacións para ordenar os accesos e áreas de aparcadoiro e a venda ambulante, así como para a promoción de medios de transporte alternativos ao vehículo particular; ou a ordenación dos sendeiros e accesos interiores no monumento natural.
5. Favorecer o compromiso social, fomentando o coñecemento e a implicación na conservación do monumento natural, mediante a promoción de campañas e da coordinación con outras administracións, a comunidade científica e a poboación local.
A Xunta de Galicia considera que as actuacións previstas no Plan de conservación farán posible unha xestión máis eficiente dos recursos públicos, ao representar unha planificación das necesidades de conservación do espazo. Así, no marco das políticas de sustentabilidade, a aprobación do Plan de conservación débese valorar como unha oportunidade de desenvolvemento das actividades económicas vinculadas ao sector turístico, hostalaría e de ocio, compatibles coa conservación dos valores ambientais que motivaron a declaración do monumento natural das Catedrais.
Medidas en marcha
Cómpre sinalar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, xa tomou distintas medidas encamiñadas á protección do espazo natural das praia das Catedrais, tal e como se recolle no Plan de conservación. Co fin de preservar os valores desta zona protexida, a Xunta contratou guías durante o verano do 2014 e o período da Semana Santa 2015. Neste ano, contratarase de novo este servizo, que será reforzado.
Con isto, tratarase de facilitar un desfrute axeitado aos visitantes, reforzando a información a través dos guías especializados no propio enclave e nas alternativas turísticas da contorna, e incrementarase tamén a vixilancia para evitar actuacións que degraden o medio.
Desde mediados de 2014 as diferentes accións para mellorar o uso público, mellora da información aos visitantes e o reforzo da sinalización levan suposto un investimento de 158.000 euros.
Reforma das escaleiras prevista polo Ministerio de Medio Ambiente
Estas medidas súmanse ás postas en marcha pola Dirección Xeral da sustentabilidade da Costa e do Mar do Ministerio de Medio Ambiente, que en colaboración coa Xunta está a planificar unha serie de actuacións na contorna do monumento natural, dentro da zona de dominio público marítimo terrestre, que inclúe, entre outras, unha reforma da escaleira de acceso á praia que mellorará substancialmente a accesibilidade ao areal.
A ampliación do acceso contribuirá a desconxestionar e ordenar o acceso dos visitantes, estando previsto o desdobramento da escaleira para separar a entrada de persoas da saída do areal.
Hai que ter en conta que ao estar incluído nun espazo protexido da Rede Natura 2000, o monumento natural conta xa cun plan de ordenación dos recursos naturais aprobado en marzo de 2014. Porén, o espazo está sometido a presións, principalmente de uso público, que xustifican a elaboración dun plan específico que complementa a aquel na superficie que abarca o monumento natural.
Tras o inicio da tramitación do Plan de conservación do monumento natural da praia das Catedrais, e despois dun primeiro período de participación pública o proxecto de decreto foi sometido ao procedemento de información pública e audiencia. En total, o documento recibiu 13 achegas, na súa maioría de asociacións e institucións públicas.
No documento definitivo, que se poderá consultar a partir deste venres a través da web http://www.cmati.xunta.es/, recolléronse, en gran medida, as alegacións e informes presentados nos procesos de participación e audiencia públicas.