Lugo, 9 de xuño de 2015.- Os Xulgados de Paz son de responsabilidade municipal e, en consecuencia, a Xunta de Galicia non ten competencias para abordar ningunha reparación das instalacións, como así queda recollido no artigo 51 da Lei 38/1988, de 28 de decembro, de Demarcación e Planta Xudicial.
Tampouco é cometido da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proporcionar estanterías, armarios ou outro tipo de mobiliario.
A mencionada Lei de Demarcación e Planta Xudicial si obriga á Xunta a aportar unha determinada cantidade económica, en función da poboación do municipio do que se trate, en concepto de subvención para sufragar os gastos que se deriven do seu funcionamento, así como pagar os salarios dos funcionarios que neles traballen.
Así, no caso concreto do Xulgado de Paz de Ribadeo, por poñer un exemplo, a media de gastos anuais asumidos pola Xunta de Galicia, en base as competencias que lle son propias, superan os 80.000 euros.
Algo máis de 66.000 euros dese montante global adícase a gastos de persoal, que son asumidos pola Consellería de Presidencia, Administración Pública e Xustiza. Dado que a poboación de dereito de Ribadeo é superior aos 7.000 habitantes, o Xulgado de Paz está atendido por un funcionario do corpo de xestión e outro do corpo de auxilio xudicial.
No que atinxe ás instalación e medios materias precisos para o funcionamento deste xulgado e tras recalcar que a titularidade é municipal, hai que salientar que o equipamento tecnolóxico foi subministrado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) da Xunta, que tamén se ocupa do seu mantemento, cun custo próximo aos 6.000 euros anuais.
A maiores, a Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza asume o pago do servizo de limpeza e o subministro de enerxía eléctrica, que se cuantifica en máis de 4.500 euros por ano.
As comunicacións telefónicas tamén corren por conta da Xunta, que, ademais, por mor do artigo 52 da citada Lei de Demarcación e Planta Xudicial establecese unha subvención aos concellos para o mantemento dos xulgado de paz, que se modula en función do número de habitantes de dereito dos concellos e que no caso de Ribadeo ascende a preto de 3.300 euros anuais.