Ribadeo, 16 de xuño de 2015.- Na asemblea xeral extraordinaria que Acisa convocou para a tarde deste martes directiva e asociados acordaron pedirlle á Xunta que non aplique a partir do 1 de xullo o plan de conservación do monumento natural Praia das Catedrais.
Acisa considera que é necesario crear máis prazas de aparcadoiro e ampliar as escaleiras de acceso á praia. A asemblea cre que “iso é o que hai que facer antes de limitar o acceso Ás catedrais coa expedición de tíckets a través dunha páxina web, dende o Concello, dende os hoteis ou dende o veciño municipio de Barreiros. Cremos que coas porcentaxes propostas pola Xunta o número de entradas que recibiría Acisa, para repartir entre os nosos asociados, é insuficiente e ademais poderíanos xerar problemas coa lei de protección de datos se nós temos que ocuparnos de solicitar eses tíckets para os nosos clientes”.
Acisa pide que se actúe con “sentido e con moita prudencia, porque a imaxe de Ribadeo pode resultar seriamente danada. Ninguén está de acordo co plan a Xunta e o que nos demandan nosos asociados é que pidamos a paralización desa actuación, que entrará en vigor o 1 de xullo”.
A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo baralla iniciar unha campaña de recollida de firmas entre toda a sociedade ribadense “co obxectivo de facer unha fronte común contra unha medida que non consideramos oportuna neste momento, a quince días de iniciarse a tempada alta deste 2015,”.
Á asemblea de Acisa desta tarde acudiron tamén algúns hostaleiros e comerciantes non asociados que apoiaron unanimemente esta proposta.
Acisa espera que o Concello e todos os grupos políticos con representación na recén constituída Corporación Municipal se adhiran ás súas peticións e ás campañas que se poida poñer en marcha ao longo dos próximos días. Tamén fan unha chamada á Deputación de Lugo, como parte implicada na estrada de acceso á Praia das Catedrais.