Foz, 16 de xuño de 2015.- Foz acolle a última proxección do ciclo de primavera do programa Cinema no Cenima este xoves, o sábado haberá un espectáculo para nenos e nenas na Sala Bahía e para o domingo está programada unha mostra folclórica infantil no Campo da Cabana.
A proxección cinematográfica que terá lugar no Cenima este xoves, día 18, ás oito e media da tarde será da película Magical Girl, que non está recomendada para menores de 16 anos. O prezo da entrada é de 3 euros.
O sábado, día 20, ás sete da tarde na Sala Bahía terá lugar un novo espectáculo de Payasolandia titulado El show de las estrellas infantiles 2015. Os prezos das entradas son de 3 euros para os nenos e nenas e de 5 euros para os adultos.
E o domingo, día 21, celebrarase a XIX edición da Mostra Folclórica Infantil organizada pola agrupación O Feitizo coa colaboración do Concello de Foz. Será no Campo da Cabana a partir das 6 e media da tarde. Actuarán o grupo da asociación cultural Osorio Gutiérrez, de Lourenzá; Cantos de Taberna Mar Aberto, de Foz; e os anfitrións: O Feitizo, de Foz.