Burela, 8 de xuño de 2015.- O alcalde en funcións, José Mª González Barcia, recolleu en Ribeira este luns pola mañá as seis bandeiras azuis que recibiron as praias de A Marosa, Portelo e Ril, o barco museo Reina del Carmen, a aula medioambiental Gaia e o sendeiro do litoral. Barcia sinala que se trata dun éxito do Concello e dos veciños e veciñas de Burela, que serve para potenciar e afianzar a imaxe turística e medioambiental da localidade.
O rexedor contou que “recibimos de mans do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, as tres bandeiras azuis das praias de A Marosa, Portelo e Ril e as tres distincións para o barco museo Reina do Carme, para a aula de educación ambiental Gaia e para os sendeiros azuis. Burela conta con 6 galardóns bandeira azul e nunca tivera acadado tal recoñecemento en materia de bandeiras azuis. Eu creo que é un éxito, non soamente do Concello, senón do conxunto da poboación de Burela: dos cidadáns, polo empeño que poñen no coidado das praias; e tamén do Concello, por mellorar as infraestruturas cada ano un pouco máis. Creo que isto serve para potenciar e afianzar a imaxe turística e medioambiental que ten Burela”.
González Barcia lembrou que “cando nosoutros volvemos ao Concello no ano 2011 Burela contaba con 2 praias bandeira azul e con 2 distintivos. Agora, 4 anos despois, ante un inminente cambio de goberno, Burela conta con seis distintivos bandeira azul en total. Polo tanto creo que o traballo feito está aí, na mellora das infraestruturas que se fixeron en todas as praias, tanto na da Marosa como na de Ril, onde se fixo unha rampla de acceso e onde agora hai socorristas de forma permanente; e na de Portelo, onde se mellorou substancialmente a infraestrutura en materia de servizos hixiénicos”.
O alcalde cre que “os feitos están aí, non os pode obviar ninguén, e para nosoutros é unha enorme satisfacción que tendo empezado no ano 1995 a traballar en material medioambiental e turística, cando daquela Burela tiña unha soa praia bandeira azul, que era a da Marosa, fomos capaces, co paso do tempo, de conseguir a bandeira azul para a praia de Portelo, de conseguir as bandeiras azuis nos anos 2000 e 2001 para o barco museo Reina do Carme e para a aula de educación ambiental Gaia; e fomos capaces agora de contar cunha bandeira azul máis, para a praia de Ril, e os sendeiros azuis. Polo tanto para nós, como equipo de goberno, tamén é unha satisfacción enorme poder ter acadado estes obxectivos, que demostran que se traballou e que se seguiu unha liña coherente”. González Barcia agarda “e confío que esta liña de traballo continúe no futuro porque se ten demostrado que é frutífera e positiva, que vai redundar en beneficio de todo Burela polo que significa de potenciación da nosa imaxe tanto medioambiental como turística”.
O alcalde xa anunciou que este mércores serán izadas as bandeiras azuis de Burela.