Lugo, 19 de xuño de 2015.- O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e o xefe do Centro de Seguridade e Saúde Laboral na provincia, Manuel Gasalla, informaron esta mañá da posta en marcha dunha campaña de ámbito autonómico, organizada pola Dirección Xeral de Tráfico e o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) dependente da Consellería de Traballo e Benestar, para sensibilizar aos usuarios de tractores sobre os riscos que conleva o manexo deste tipo de vehículos e reducir así a sinistralidade.
No acto participaron tamén o xefe territorial de Traballo, Alberto Linares; a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero; o alférez do Subsector de Tráfico da Garda Civil, Roberto Prado; e a voceira en Galicia de Supervisión y Control – ITV, Carmen Fernández.
Co ánimo de darlle a maior difusión posible a esta campaña de sensibilización, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil están a distribuir xa trípticos informativos entre os posibles interesados, aínda que tamén poden conseguirse nas ITV móviles e nas sedes dos Concellos, con especial incidencia no rural.
A campaña completarase no último trimestre do ano, cunha serie de cursos sobre o manexo seguro do tractor que impartirá a Consellería de Traballo, a través do ISSGA.
O subdelegado do Goberno destacou a utilidade desta campaña coa que se pretende que “os usuarios destes vehículos tomen conciencia da importancia de cumprir a normativa específica de circulación, ao tempo que se lles ofrecen consellos en materia de seguridade, sobre todo no que se refire a medidas de prevención fronte a envorcaduras, que é o accidente máis común neste tipo de vehículos que, por seren altos e de grande envergadura, dan unha falsa sensación de seguridade”.
PARQUE DE TRACTORES
Segundo o último censo da DGT, ao peche do pasado ano había un total de 403.624 tractores matriculados en Galicia, 134.012 na provincia de Lugo. A idade media destes vehículos ronda os 26 anos, unha idade elevada que implica que, en moitos casos, os vehículos non dispoñan dos elementos de seguridade axeitados.
SINISTRALIDADE
A campaña da que se deu conta persegue reducir a sinistralidade que se rexistra nos vehículos agrícolas, tanto no que se refire a accidentes de circulación en estrada como no caso de accidentes laborais e naqueles outros sinistros que non figuran en ningunha destas categorías, xa que os usuarios non están realizando propiamente unha actividade profesional. En moitos casos trátase de persoas maiores, xa xubiladas, que usan o tractor como medio de transporte ou ferramenta agrícola sen estar dados de alta como traballadores activos, polo que non constan tampouco como vítimas de accidente laboral en caso de sufrir un accidente.
Neste último grupo enmárcanse, de feito, a meirande parte das 73 vítimas mortais rexistradas en Galicia dende o ano 2011, 16 delas na provincia de Lugo. Así, 23 usuarios de tractores faleceron en accidentes de circulación en estrada, 2 en accidentes laborais e 48 nalgunha desas outras circunstancias descritas. No que levamos de ano, contabilízanse 9 vítimas mortais en accidentes con vehículos agrícolas na comunidade, 3 na provincia de Lugo.