Ribadeo, 17 de xuño de 2015. O alcalde, Fernando Suárez, convocará para a tarde deste mércores a todos os partidos políticos con representación na nova Corporación Municipal para que se posicionen publicamente sobre o plan de conservación do monumento natural praia das Catedrais. Suárez Barcia sinala que “nas vindeiras horas decidiremos o formato que nos permite a lei, porque a Corporación tomou posesión o sábado, pero aínda non se celebrou o pleno de organización no noso Concello. É posible que sexa un pleno extraordinario e urxente”.
O rexedor amósase optimista tras as dúas xuntanzas celebradas onte en Ribadeo: unha convocada por Acisa (Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo) e outra polo propio alcalde e o equipo de goberno. Suárez Barcia di que “a opinión contraria á implantación da expedición de tíckets para acceder ao areal a partir do 1 de xullo é unánime. O sector hostaleiro e os comerciantes así o manifestaron onte e na xuntanza veciñal do Teatro, á que asistiron un cento de persoas, o sentir foi o mesmo”.
O alcalde de Ribadeo agarda que “a Xunta recapacite e non impoña un plan que o único que vai xerar é unha imaxe moi negativa de Ribadeo no mundo. Primeiro hai que crear un aparcamento público de pago e habilitar un sendeiro de acceso ao areal pola beira da estrada da Deputación para que os peóns poidan camiñar sen correr riscos. E ao tempo haberá que falar do resto de medidas a tomar para protexer e conservar o areal, os cantís e toda a súa contorna e para ordenar toda a zona da mellor forma posible”.