Burela, 12 de xuño de 2015.- O Concello solicitou unha subvención de 55.200 euros para proceder ao cambio de 198 luminarias en varias zonas da localidade, segundo deu a coñecer este venres o alcalde en funcións, José Mª González Barcia.
O rexedor explicou que “temos pedida unha subvención por un importe de 55.200 euros para cambiar 198 luminarias en varias zonas de Burela, como O Perdouro, Correo Vello, La Casilla, rúas do Mariñeiro e Suafonte ou parte das rúas Pardo Bazán e Castelao”.
González Barcia dixo que “son cadros que ata agora presentan un elevado consumo e que, seguindo na liña que levamos nos últimos anos, estamos procedendo a substituír lámpadas que teñen un consumo moi elevado por outras con un consumo considerablemente máis baixo. Con isto preténdese pagar menos polo subministro eléctrico e isto evidentemente trae consigo un aforro enerxético importante e ese diñeiro que se aforra pode investirse noutras cousas”.
O alcalde en funcións contou que “soamente esta subvención supón o 8 por cento das luminarias totais que hai en Burela. En caso de ser concedida podemos falar de que en total substituiríase case o 30 por cento do total de luminarias que hai en Burela con lámpadas de baixo consumo, en concreto con haloxenuros metálicos”.
E engadiu: “a subvención foi solicitada á Xunta dentro do programa que dende hai anos ven desenvolvendo a Consellería de Economía, a través do Inega, e exactamente igual que en anos anteriores confiamos en que se conceda”.