Cervo, 2 de xuño de 2015- O Concello de Cervo informou este martes de que se están producindo actos vandálicos no municipio que están afectando a servizos e instalacións públicas municipais. En concreto, en menos dun mes, rexistráronse ataques á rede de auga de San Ciprián e á pista de pádel da Cuíña.
No caso da rede de abastecemento, a sabotaxe tivo lugar na noite do venres 22, madrugada da xornada de reflexión, cando persoas aínda sen identificar danaron a válvula que regula a presión da auga, o cal provocou avarías na rede causando desabastecemento en diversos fogares.
En canto á pista de pádel de Cuíña, producíronse xa varias roturas dos cristais de protección, o cal supón que os usuarios non poden utilizar as instalacións ata que se repoñen.
Polo tanto, o Concello lamenta que estes actos provocados “estean causando problemas aos veciños” sen esquecer que todos eles “implican un gasto económico elevado para restablecer os servizos”.
O Concello informa que as forzas de orde público son coñecedoras destes actos e están traballando para dar cos culpables pero, ao mesmo tempo, tamén apela á colaboración cidadá para que faga chegar información de utilidade e axudar na investigación.