Viveiro, 12 de xuño de 2015.- O Concello de Viveiro organiza un acto de recoñecemento ao deportista Adrián Ben.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, declarou este venres que “con este acto o Concello de Viveiro quere realizar un merecidísimo recoñecemento a este atleta viveirense polos magníficos resultados que está a conseguir en cada unha das probas nas que participa. A pesar da súa xuventude, Adrián Ben atesoura xa un longo palmarés repleto de títulos, triunfos e marcas, superando os seus mellores tempos e posicionándose, indubidablemente, como unha das grandes esperanzas do atletismo”.
A rexedora engadiu que “a piques de cumprir os 17 anos, pode dicirse que Adrián arrasa aló onde vai. Poucos deportistas, só os máis grandes, poden presumir de subir ao podio en todas as probas nas que compiten e Adrián pode facelo, pois, no que vai de temporada, conseguiu metal en todas e cada unha das 14 probas nas que participou. Os logros obtidos son moitos, destacando, neste ano, a proclamación como campión de España xuvenil en 1.500 e 5.000, campión galego en 3.000 e plusmarquista autonómico dos 1.500 metros lisos ou a consecución das mellores marcas nacionais da temporada en catro disciplinas -5.000 metros, 2.000 obstáculos, 1.500 metros e 3.000 metros-, das cales dúas delas son, asemade, a segunda e cuarta mellor marca do ano en Europa”.
En opinión de María Loureiro, “os resultados falan por si mesmos e só cabe dicir que Adrián é un exemplo evidente de talento, esforzo, superación e constancia. Os resultados obtidos son espléndidos e admirables, o teu futuro –cun pé no Mundial de Colombia- é máis que prometedor. Como alcaldesa, en nome de todos os veciños, quero transmitirche a nosa máis sinceira noraboa, pois o teu nome xa figura na historia do atletismo e estou plenamente convencida de que este só é o inicio dunha longa traxectoria cunhas perspectivas espectaculares”.
A alcaldesa afirmou tamén que “consciente de que Viveiro carece dunhas instalacións axeitadas para a práctica deste deporte, quero aproveitar a ocasión para comprometerme publicamente a facer todo o posible na presente lexislatura para dotar a este concello e ao deporte que representas dunhas instalacións adecuadas, ofrecéndoche, en todo, caso a posibilidade de utilizar as infraestruturas existentes”.
Loureiro concluiu dicindo que “só me resta, finalmente, reiterar as nosas felicitacións, brindarche o apoio municipal e desexarche toda a sorte do mundo”.