Lugo, 22 de xuño de 2015.- Xa está aquí unha nova edición do Cultura Aberta, o programa de verán nos Xardíns da Deputación que trae a Lugo un ano máis o mellor do panorama artístico galego, nunha clara aposta pola cultura feita na Galiza e en galego. A que é a 8ª edición de Cultura Aberta adianta o seu comezo a este sábado e rematará na primeira semana de agosto.
O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, presentou este luns pola mañá, acompañado de varios dos artistas que intervirán nesta oitava edición do Cultura Aberta, este programa que inclúe 22 actividades, entre concertos de música, actuacións teatrais, cinema social e actividades para os máis cativos e cativas. Os Martes de Cine Social, os Mércores Miúdos, os Xoves de Música, e os Venres de Teatro encherán, un ano máis o Pazo de San Marcos e os seus xardíns, nun programa, que en palabras de Antonio Veiga, “quere achegar propostas de lecer e culturais a toda a poboación que queira participar, xa que os contidos adáptanse a todos os públicos e a todos os gustos”.
Así, como novidade este ano haberá actividades tamén dous sábados, o 27 de xuño e o 18 de xullo. Este sábado 27 de xuño Cultura Aberta arrinca coa Foliada do 8, unha proposta festiva en torno á música tradicional que, logo de percorrer diferentes localidades das comarcas lucenses, despide a tempada nos Xardíns da Deputación . Dentro das actividades da Foliada do Oito haberá desde as 18:00 horas un obradoiro de canto e percusión a cargo de Noemí Basanta e un obradoiro de bailes agarrados que impartirá Xabier Iglesias. Xa a partires das 22:00 horas terá lugar o concerto de Maghúa Cantareiros, presentando o seu novo traballo musical, Matria, para rematar a xornada cunha foliada aberta.
E o sábado 18 de xullo a partir das 21:00 horas, Sábado Mozo, outra das novidades desta edición, cunha proposta musical para novos estilos non tan habituais en Cultura Aberta pero igual de importantes. O cartel dese día inclúe a Arrhytmia, unha banda lucense de rock en galego conformada por tres mozos que desde hai xa algúns anos levan demostrando en diversos escenarios ser un dos mellores referentes da escena do rock galego; Familia Caamagno desde A Coruña co seu rock’n’roll particular e 100% feito en Galiza; Superoito, desde Compostela, para rematar con Xenderal, desde Cerceda. Toda ela música feita por xente moi nova e en galego.
A música será tamén a protagonista todos os Xoves de Música. Proxecto Cupeiro e Yuknevich, Os Modernos, Os Carunchos, Sés, Milesios, Sondeseu, Caxade e a Banda da Bandeira, Guadi Galego, A Magnifique Bande dos Homes Sen Medo e O Sonoro Maxín son os nomes que soarán todos os xoves a partir das 21:00 horas nos Xardíns da Deputación, presentados por Rubén Pérez e Anxo Manoel Lamelo, dous presentadores de excepción, autóctonos de Lugo e artistas de categoría baixo o nome artísitico de Menos dá unha pedra!. Do mesmo xeito, un ano máis a música das alumnas e alumnos da Tradescola amenizarán a entrada do público ao recinto.
Outra das novidades, o xoves 16 de xullo, aproveitando a actuación da orquestra SondeSeu, haberá dous obradoiros pola mañá impartidos por dous dos integrantes máis polifacéticos de SondeSeu: un obradoiro de zanfona, impartido por Anxo Pintos, dirixido a nivel básico e medio que terá lugar nos Xardíns da Deputación de 11:30 a 14:00 horas e cuxa entrada será libre; e un Seminario sobre arpa e birimbau ou “arpa de boca”, impartido por Rodrigo Romaní, que terá lugar de 12:00 a 13:00 horas na Sala de Exposicións da Deputación e tamén con entrada libre e de balde.
Os Martes de Cine Social terán lugar do 30 de xuño ao 5 de agosto, ás 20.00 horas, no salón de actos da Deputación, en sesións nas que se poderán visionar filmes como O soño da auga, Chove sobre Santiago, Maquiladoras, Papaventos no Ceo e Miradas Cruzadas. Elkarri Begira. Trátase de cinema comprometido organizado coa colaboración do Fondo Galego de Cooperación.
Os Mércores Miúdos para os máis pequenos e pequenas comezarán o 1 de xullo para rematar o 5 de agosto, comezando sempre ás 18.30 horas, e como é habitual, desenvolveranse nos xardíns da Deputación. Nesta edición, formarán parte da programación para os cativos e cativas propostas para se divertiren e incentivar a súa creatividade e imaxinación con A Gramola Gominola, Uxía Lambona e a Banda Molona, Os Bolechas, Xoán Curiel e Mundo Mandarina.
Xa por último, os Venres de Teatro comezarán o 3 de xullo ás 21.00 horas e prolongaranse ata o 7 de agosto. Traerán as súas representacións ata os Xardíns da Deputación cinco compañías galegas como son A Panadaría, Antón Coucheiro, Matrioska Teatro, Elefante Elegante e Ibuprofeno Teatro.
“Coa posta en marcha desta oitava edición de Cultura Aberta, desde a área de Cultura da Deputación de Lugo queda demostrado o noso compromiso coa cultura feita na Galiza e en galego nas súas diferentes expresións. Somos conscientes da importancia de investir nela, aínda en tempos de crise, xa que a cultura ademais de dinamizar a sociedade, alentar os ánimos e enriquecer o espírito, impulsa a economía pola industria que se crea arredor dela” resumíu Antonio Veiga.






















O luns 30 de marzo ás 18:00 horas darán comezo as visitas guiadas polo casco histórico de Viveiro, conducidas polo historiador Xesús Martínez e organizadas polo CCHV coa colaboración da Xunta de Cofradías da Semana Santa. Antes da primeira visita, ás 17:30 horas, realizarase unha breve presentación na Praza Maior, diante da porta do Concello. No acto participarán José Veiga, en representación da Xunta de Cofradías, Cristina Rodríguez, presidenta do CCHV, e o propio Xesús Martínez.
O alcalde, Pedro Fernández, salientou o seu impacto turístico e deportivo. A edición inclúe un atractivo especial: a Concentración da Selección Española OPEN, que adestrará en Tapia do 1 ao 6 de abril. O Goanna Pro é a segunda proba da Liga PRO, garantindo un nivel competitivo máximo. Datas: Semana Santa 2026. Lugar: Praia de Anguileiro. Destacado: Concentración da Selección Española (1–6 abril).
O delegado destacou a consolidación do evento como referente cultural na Terra Chá. O festival contará con Caamaño & Ameixeiras, Ulex e La Txama, ademais de actividades lúdicas. A cita será no campo da feira de Gontán, con entrada gratuíta.
A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.



