Continúan as mobilizacións no servizo de limpeza do Hospital da Costa logo de que a empresa manifestara a intención de artellar un novo calendario que ademais de tremendamente inxusto e de trato totalmente desigual entre as traballadoras, condea a catro persoas a ver reducida a súa xornada a un terzo da mesma.
As mobilizacións, que comezaron o pasado xoves 18, consisten polo de agora en concentracións diarias na entrada do hospital, na espera que os acontecementos determinen se se desconvocan ou se pola contra se dá un paso máis.
Paralelamente a estas mobilizacións dende a representación sindical estase por unha banda, preparando toda a documentación para emprender as accións legais pertinentes, e por outra banda xa se mantiveron reunións con Inspección de Traballo e coa Dirección do Hospital.
Tanto nunha como noutra reunión, logo de informar pormenorizadamente do contido e do desenrolo da infrutuosa negociación acadouse o compromiso de ambos órganos de que estarán especialmente vixiantes cando se concrete calquera cambio no servizo para que estes se axusten á lei e ao contrato entre Samyl, empresa concesionaria do servizo e o Sergas, respectivamente.
Na reunión coa Dirección do Hospital as representantes das traballadoras puxeron enriba da mesa, ademais, un calendario, anual, elaborado por elas mesmas que cumpre con todos os requisitos que debera ter un calendario anual e unhas xornadas de traballo, de forma que cumpre coa lei, sería rotativo e polo tanto xusto e igualitario, coas mesmas libranzas para todo o persoal e que por suposto non supón redución de xornada algunha. Ambas partes coincidiron en sinalar que ese documento sería, cando menos, un bo punto de partida para retomar as negociacións, algo que a dende a Dirección do Hospital convidaron a facer.
E por parte da representación das traballadoras non queremos deixar pasar a oportunidade de volver a tentar a abrir esa vía negociadora en base a esta nova proposta.
Para iso na mañá de onte, luns 22, enviouse un escrito á empresa onde se convidaba á mesma, a que en base a este novo documento puidésemos voltar a abrir a vía negociadora, estando abertos a aqueles axustes que sen desvirtuar totalmente o mesmo puidesen facer. Para retomar esas negociacións só se puxeron dúas condicións que entendemos son mínimas e lóxicas:a primeira deixar sen efecto legal a primeira negociación, que por ser un período de consultas oficialmente constituído xerou uns prazos administrativos de reclamación e a segunda desbotar radicalmente intención ningunha de acometer reducións de xornada.
Descoñecemos a postura de Samyl S.L, da empresa concesionaria a este ofrecemento pois polo de agora non recibimos resposta algunha. Á espera da mesma ou de calquera outro cambio na situación a plantilla vai seguir co calendario previsto de mobilizacións.