A MARIÑA, 2 DE XUÑO DE 2015.- Os socialistas da Mariña solicitan ao Goberno galego que dea marcha atrás no obxectivo de volver a pechar durante a época estival alomenos unha trintena de camas no Hospital da Costa, pois “non podemos esquecer que é no verán cando a poboación se triplica na zona e, por tanto, este servizo aínda é máis necesario se cabe”, afirma a coordinadora comarcal Mayra García.
Neste senso, a socialista fai un chamamento “á coherencia”, xa que, do contrario, “non só estariamos diante dun novo paso da Xunta de desmantelar o noso Hospital, senón que se contribuiría a aumentar notablemente as listaxes de espera”.
“Peche tristemente histórico”
Por este motivo, “e dado que temos novo xerente, esiximos que non se peche ningunha cama máis, xa que, tal e como se produciu o pasado ano, a calidade asistencial volverá a ser claramente deficitaria”.
“En 2014 este peche de camas foi tristemente histórico”, destaca a coordinadora comarcal. Proba delo é que, “a pesares do paulatino desmantelamento do servizo producido durante os anos de mandato do Partido Popular”, no pasado exercicio desactiváronse nos centros sanitarios galegos o dobre de camas que en 2010, pasando de 588 hai 4 anos a 1.200 en 2014.
“Semella claro que a estrutura sociosanitaria de Galicia non puido cambiar tanto neste tempo como para dobrar o número de peches no período estival, obtendo o mesmo grao de eficacia”, indica con ironía García. No caso concreto da Costa, as camas inhabilitadas foron 30; número aos que hai que engadir máis de 90 do HULA e 28 do Hospital de Monforte.
Pola súa banda, o deputado provincial en funcións e alcalde electo de Burela –Alfredo Llano- subliña que “este peche desmesurado agocha, baixo unha decisión aparentemente administrativa, unha volta de rosca máis dos Gobernos da dereita cara ao deterioro do noso Hospital. Dende que conflúe o PP na Xunta e no Goberno Central, a Mariña só perdeu. Resulta evidente, por tanto, que non se consegue satisfacer a demanda dos usuarios do SERGAS debido a este inxustificado peche, e que os únicos beneficiarios deste sistema son as entidades concertadas que, un ano máis, verán incrementado o seu volume de negocio. É dicir, abandonamos o público para defender o privado”, critica.
Tampouco se contrata persoal
“Esta perversión súmase tamén, engade García, á errática política encuberta levada a cabo dende o PP de non contratar persoal para suplir o aumento de permisos vacacionais dos profesionais sanitarios”. Así, ademais de infrautilizar un servizo básico para a cidadanía como é a o acceso á Sanidade, a Xunta renuncia á creación de emprego; unha situación “que non nos favorece en absoluto, pois, segundo o INE, a comunidade galega xa ten unha taxa de facultativos por debaixo da media nacional e, no caso de enfermaría, somo a terceira pola cola”, conclúen os socialistas.